Pestanas principais

Ames asina con outros oito concellos un protocolo para promocionar o Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia

Luns, 06 de xuño de 2016

[06-06-2016] O pasado venres 3 de xuño o alcalde de Ames, José Miñones, acudiu a Noia para firmar, xunto cos rexedores de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Santiago de Compostela un protocolo de colaboración para a promoción do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia. Esperan así axilizar o proceso de oficialización desta ruta, realizar en conxunto actividades que o dean a coñecer e poñer en marcha proxectos comúns no ámbito da promoción turística.


O rexedor amesán, José Miñones, achegouse pola mañá do venres até a vila de Noia. Alí reuniuse cos seus homólogos dos oitos concellos polos que discorre esta ruta de aproximadamente 40 quilómetros. Comeza na ría de Muros e Noia, onde se atopaban os portos que xa na Idade Media recibían aos peregrinos. No ano 2014 a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia recibiu documentación sobre a existencia histórica deste camiño, o seu percorrido e referencias. Os nove rexedores que asinaron o protocolo de colaboración confían en que o traballo conxunto e as actividades de promoción axilicen este proceso.

Os gobernos municipais de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela comprométense a colaborar coas diferentes administracións na conservación, sinalización e promoción do citado camiño
.
Ruta nocturna o sábado 11 de xuño para dar a coñecer o Camiño de Santiago por Muros e Noia
O club amesá Rutasapie colabora na organización dunha saída nocturna, o sábado 11 dfe xuño, para percorrer esta ruta na que será tamén a súa primeira actividade dende a súa constitución. As persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 628287957 ou 675680159, ou enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.

Poñéndose en contacto club de sendeirismo poderase reservar asento nun autobús que recollerá ás e aos peregrinos o sábado pola noite no aparcadoiro de Santa Marta en Santiago de Compostela, ás 23:00 horas; no aparcadoiro do Carrefour en Bertamiráns, ás 23:30 horas, e na praza do Concello de Brión ás 23:50 horas. Ás 01:30, despois de chegar á Praza do Tapal de Noia, comezará a andanina. O grupo recibirá avituallamento na Capela de santa Minia, no concello de Brión e chegará a Compostela en torno ás 12:00 horas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Nueve concellos colaborarán en la promoción del Camino por la ría de Muros y Noia"
El Correo Gallego:"Ames y Brión impulsan la Ruta por la Ría noiesa"