Pestanas principais

Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro

Xoves, 09 de maio de 2019

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o lugar escollido para acoller a presentación, este mércores pola tarde, do libro “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así”, escrito por Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames. Ao acto acudiron un gran número de veciños e veciñas de Ames, así como varios membros da corporación municipal e gran parte da familia Viaño, que non quixeron perder a ocasión de acompañar a Maximino na presentación do seu terceiro libro. O evento estivo conducido polo xornalista Diego Viaño, neto do autor, e contou coa participación de José Miñones, alcalde de Ames, Isabel González, concelleira de Promoción Económica e Atención Veciñal, Xosé Luís García, alcalde de Brión e Deputado de Promoción Económica e Emprego na Deputación Provincial da Coruña, e José S. Montes, presidente de Feiraco.

Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así chega para pechar a triloxía iniciada polo autor coas obras “Lembranzas. Una vida en el campo gallego” do ano 2001, e “Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea”, publicado no 2004. O libro, escrito 2005, continúa así a temática recollida nas anteriores publicacións, mediante unha serie de reflexións e recordos do veciño de Tapia que reflexiona dende o alto do Pico de San Marcos. Alí, o protagonista rememora anécdotas da vida de persoas que xa non están, feitos importantes que tiveron lugar na comarca que se estende aos seus pés, e costumes que pasaron de xeración en xeración. Un testemuño que mostra a vida na zona durante o século XX, e que supón unha crónica da vida rural galega durante a época.

Durante a presentación, organizada pola Concellaría de Atención Veciñal e Promoción Económica, tanto o rexedor amesá como a concelleira Isabel González quixeron homenaxear a Maximino recordando a importancia da súa persoa no eido municipal e no contexto agrario galego. Asemade, ambos membros do goberno recordaron a carreira de fondo que supuxo a publicación deste libro, escrito no ano 2005 e publicado este 2019, editado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Ames.

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, tamén quixo adicar unhas palabras de cariño para o autor, ao tempo que recordou o duro traballo realizado por Viaño de cara a mellorar a situación da industria agraria galega e a súa figura como impulsor do cooperativismo. No tocante á intervención do presidente de Feiraco, José S. Montes, que quixo agradecer a Maximino a existencia da cooperativa, da que foi cofundador, ao tempo que realizou un percorrido pola relación entre esta e a figura do autor.

Maximino, pola súa banda, quixo agradecer tanto o apoio do Concello e a Deputación como o cariño da veciñanza, tralo que non deixou pasar a ocasión para adicarlles unhas emotivas palabras á súa familia e, en especial, á súa muller. A continuación, fixo un pequeno percorrido pola obra, que non só se descobre como un testemuño excepcional dunha época, dunha sociedade e dunhas costumes que marcaron a historia da comunidade; senón tamén nunha crónica privilexiada das súas múltiples viaxes ao longo de catro continentes como representante do sector agrario e gandeiro de Galicia.

Cronista oficial de Ames
Maximino Viaño, que este ano cumpre 92 anos, é un histórico do cooperativismo agrario galego. Foi un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, da que foi presidente ata a súa renuncia. O seu labor no mundo cooperativo e gandeiro compatibilizouse coa súa actividade política -concorreu ao senado co CDS- e coa súa afección á escritura.

Na actualidade, Maximino colabora no programa radiofónico A memoria, que se emite os xoves en Ames Radio. Ademais, compaxina esta actividade cunha activa presenza nas redes sociais, coa publicación periódica de reflexións, historias e anécdotas que marcaron a súa vida.

Ligazons relacionados:

Compostela 24 horas: "Maximino Viaño presenta o seu último libro no Pazo da Peregrina ateigado de público"
Lindeiros: "Maximino Viaño presentou “Visto desde a aldea” en Ames"
El Correo Gallego: "Maximino Viaño completa su trilogía del Ames rural"

 

Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro

Multimedia

  • Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro
  • Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro
  • Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro
  • Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro
  • Ames arroupa a Maximino Viaño na presentación do seu último libro