Pestanas principais

Ames aproba o reparto de subvencións para a promoción do comercio local cun importe de 36.000 euros

Luns, 15 de xullo de 2019

A Xunta de Goberno Local ven de aprobar o reparto de subvencións para a promoción do comercio local, exercicios 2017-2018, cun importe de 36.137,06 euros. A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal. As asociacións beneficiarias son a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de comerciantes Palmira Bulevar. Desde a notificación do acordo, as asociacións contarán co prazo dun mes para xustificar a subvención.

Para a concesión das axudas tivéronse en conta dúas liñas de actuación. A primeira delas destínase a subvencionar as accións e proxectos destinados á promoción comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados. Neste eido, á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns concédeselle unha subvención de 5.344,46 euros, á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro unha de 23.980,70 euros e á Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar unha de 3.811,90 euros.

A segunda liña de actuación, de 3.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc.) As subvencións concedidas neste ámbito son de 447,23 euros para a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, 1.641,02 euros para a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e de 911,75 euros para a Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar.  Considéranse incluídos así mesmo nesta liña de actuación os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales tan só os gastos de alugueiro de locais e xestoría. Non se inclúen os gastos de mantemento común, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles.

O montante total das subvencións concedidas ascende a 36.137,06 euros: 5.791,69 euros para a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, 25.621,72 euros para a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e 4.723,65 euros para a Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar.

Promoción do comercio local

A Concellaría de Promoción Económica presupostou máis de 50.000 euros anuais durante o último mandato para a promoción comercial. Dos 203.635,45 euros presupostados, 130.000 euros foron destinados ás subvencións de promoción económica para as asociacións; 50.000 euros corresponden ás campañas de Nadal das asociacións; con 10.211,70 euros subvencionáronse as Feiras do Comercio Val da Maía; e 13.423,75 dedicáronse aos Concursos de Escaparates. Ademais de todo isto, habería que computar todas as campañas levadas a cabo dende o departamento para a promoción comercial, como por exemplo a última campaña de Nadal na que se investiron 7.000 euros.

Casa do Concello