[27-02-2015] O pleno de Ames correspondente ao mes de febreiro comezou cun minuto de silencio polo pasamento do compañeiro de corporación Alfonso Rey López. A continuación, a concelleira María González Gómez leu un poema de Rey López, que asumiu as competencias de Cultura, Educación e Patrimonio entre xuño de 2011 e abril de 2012. Todos os concelleiros da corporación mostraron o seu pesar polo falecemento de Alfonso Rey.
De seguido, a corporación municipal de Ames aprobou definitivamente o documento refundido do Plan Especial de Reforma Interior, de iniciativa particular, correspondente ao ámbito do solo urbano non consolidado APR PB5-01 “Conexión da avenida da Maía coa rúa da Rosaleda (II)” do PXOM. Este punto saíu adiante por maioría absoluta con 10 votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e dos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay. Os concelleiros do grupo municipal socialista e os concelleiros non adscritos Pilar Candocia, Susana Mayo e Anxo Doval abstivéronse.
O alcalde, Santiago Amor, indicou que “este plan recolle dúas parcelas; unha de 900 metros cadrados de equipamentos e outra de 427 metros cadrados para zonas verdes e de ocio”. Ademais, Amor explicou que “este ámbito está ao carón doutro sector urbanístico situado na rúa da Rosaleda”.
O Plan Especial de Reforma Interior (PERI) correspondente ao ámbito do solo urbano non consolidado APR PB5-01 prevé a construción de tres bloques de vivendas de planta baixa, tres plantas altas, e baixo cuberta. Ademais, disporán de cuberta plana e soportais en dúas das fachadas de cada un dos bloques. Este plan tamén recolle manter a vivenda unifamiliar existente neste ámbito e prevese que no linde sur e nos seus arredores se execute unha zona verde pública.
O pasado 5 de decembro do 2013 aprobouse de xeito inicial en Xunta de Goberno Local o Plan Especial de Reforma Interior (PERI), de iniciativa particular, correspondente ao ámbito do solo urbano non consolidado APR PB5-01, “Conexión da avenida da Maía coa rúa da Rosaleda (II)” do PXOM. Esta aprobación estaba condicionada á presentación dun refundido que recollese determinados anexos e modificacións para que fose aprobado de xeito definitivo.
Plataforma electrónica `FACe-Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónica´
Outro dos temas que saíu adiante por maioría absoluta foi a aprobación da modificación base de execución do orzamento número 21. Este punto foi aprobado con 13 votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e dos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez, Ramón García Argibay, Pilar Candocia, Susana Mayo e Anxo Doval. Os edís do grupo municipal socialista abstivéronse.
A través deste acordo as facturas de ata 5.000 euros emitidas polos provedores, que entreguen algún tipo de ben ou presten servizos á Administración pública, poderán presentarse en papel no Rexistro Xeral do Concello e a través da rede na plataforma electrónica `FACe-Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónica´ da Secretaría de Estado de Administracións Públicas. As facturas cuxo importe sexa superior aos 5.000 euros hai que presentalas a través do Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas. O Concello adhírese ao servizo que ofrece a Deputación da Coruña para poder dispor da devandita plataforma.
Adquisición dun vehículo todoterreo para a Policía local
Por outra banda, o pleno deulle luz verde á aprobación inicial do expediente de modificación do orzamento “Crédito extraordinario 1/15”, que ascende a contía de 30.000 euros, para a adquisición dun vehículo todoterreo para a Policía local. Este punto saíu adiante con 11 votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo municipal socialista. Os edís non adscritos María Dolores Fernández, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez, Ramón García Argibay, Pilar Candocia, Susana Mayo e Anxo Doval abstivéronse.
A continuación, o alcalde de Ames, Santiago Amor, deulle conta ao Pleno do falecemento do concelleiro Alfonso Rey López e da solicitude de expedición de credencial a favor de Ramón Senra Ríos. Neste punto os concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García Argibay abandonaron o salón de plenos.
Por último, no apartado de control do goberno tratouse unha moción presentada polos concelleiros non adscritos Pilar Candocia, Anxo Doval, Susana Mayo e Olalla Alvite sobre a inadmisión pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de inscrición de xogadores menores estranxeiros.
A través desta moción ínstase á Secretaría Xeral para o Deporte para que se interese diante da Federación Galega de Fútbol e da Federación Española de Fútbol e se libere a ficha deste xogador á maior brevidade. Tamén se insta á Secretaría Xeral de Política Lingüística para que os documentos presentados en idioma galego ante a Federación Galega de Fútbol teñan plena validez, e por último, ínstase á Secretaría Xeral para o Deporte para que lle demanden á FIFA que non vulnere os dereitos dos nenos nacidos no estranxeiro á práctica deportiva e modifique a norma para que poidan xogar federados. Esta moción saíu adiante por unanimidade de toda a corporación.