Pestanas principais

Ames aproba a convocatoria de axudas para actividades desenvolvidas polas asociacións culturais e para festas tradicionais, dotadas cun total de 69.600 euros

Martes, 25 de setembro de 2012

[25-09-2012] O Concello de Ames, sempre comprometido coas asociacións culturais e veciñais, vén de aprobar as bases das convocatorias de dúas liñas de axudas: a de promoción de actividades levadas a cabo polas asociacións culturais e a de festexos tradicionais. En total, destinarase 69.600 euros ao impulso e promoción de actividades culturais no municipio amiense. As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

En concreto, o Concello, consciente do importante que é o respaldo e incentivo das nosas actividades culturais e tradicionais, destinará 40.000 euros ao impulso de actividades realizadas polas asociacións e un total de 29.600 á promoción de festexos tradicionais levados a cabo polas comisións de festas de cada lugar ou parroquia. 

Á primeira liña de subvencións poderán optar as asociacións culturais do concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Os datos da inscrición deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a axuda. O obxectivo destas achegas, impulsadas pola Concellaría de Cultura, é achegar a cultura ao maior número de cidadáns e contar cunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do concello, programada e levada a cabo polas entidades do ámbito privado. Ademais, búscase promover a participación da veciñanza na vida das entidades culturais.

A contía destinada a esta convocatoria ascende a 40.000 euros e o importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 7.500 euros. As solicitudes deberán presentarse antes do 15 de novembro no rexistro xeral do Concello de Ames. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

As subvencións están destinadas á organización de actividades -cursos, celebracións tradicionais, viaxes culturais, obradoiros, certames, etc-. Non se subvencionarán aquelas actividades que teñan como único ou principal obxectivo a celebración dun xantar entre os membros da asociación, non considerándose como tales as festas de exaltación gastronómica. 

A selección das peticións e a contía das subvencións a conceder determinarase despois da consideración das actividades e investimentos a realizar e de acordo cun baremo de puntuacións que ten en conta o interese da actividade e a súa adecuación ao interese local, o número de socios, a promoción da lingua galega, o orzamento da actividade e o coeficiente de financiamento derivado da solicitude.

Festexos tradicionais
O Goberno amiense tamén vén de aprobar as bases da convocatoria de axudas para a promoción de festexos tradicionais celebrados en 2012. En total, a esta convocatoria destinaranse 29.600 euros e poderán beneficiarse dela as asociacións culturais de Ames, legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal, e as comisións de festas.

Nesta ocasión, a convocatoria contempla un reparto de achegas que depende directamente da poboación da parroquia ou lugar no que se celebren as festas, intentando con isto que a actividade financiada chegue a un maior número de veciños e veciñas.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Ames antes do 15 de novembro. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ayudas para las asociaciones y fiestas de Ames"
El Correo Gallego: "Ames aproba a convocatoria de axudas para actividades desenvolvidas polas asociacións culturais"