Pestanas principais

Ames aproba as bases da convocatoria de subvencións para promoción do comercio local por un importe de 25.000 euros

Venres, 08 de abril de 2016

[08-04-2016] O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondentes ao exercicio 2015, que estaban sen convocar ata o de agora. O importe total das axudas acada os 25.000 euros. As bases foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e hoxe, venres 8 de abril, saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende mañá sábado 9 de abril. Nas próximas semanas o goberno municipal pretende convocar esta mesma liña de axudas, pero correspondente á anualidade 2016. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de axudas.

A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de empresarios e de comerciantes do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro correspondente. Dende a concellaría de Promoción Económica sinalan, ademais, que o obxectivo das axudas é “potenciar o comercio amesá intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade e procurando a estabilidade da actividade comercial local, outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.

O importe máximo que poderá recibir cada entidade non superará os 9.000 euros. Para percibir o importe íntegro da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar a realización, como mínimo, dun gasto igual ao importe total do proxecto presentado. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes nos rexistros do Concello, situados en Bertamiráns e no Milladoiro.

Haberá dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 19.000 euros, destinarase a subvencionar as accións centradas na comunicación comercial como: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación, de 6.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura, funcionamento e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web…). Non se inclúen os gastos de mantemento ordinario, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Todos os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2015.

Novidades desta convocatoria de axudas
Cómpre destacar que esta convocatoria de axudas recolle varias novidades respecto ás edicións anteriores. O goberno municipal atendeu as peticións feitas polas asociacións de empresarios e comerciantes na última Mesa Local de Comercio celebrada no pasado mes de febreiro. Deste xeito, modificáronse os criterios de valoración das solicitudes atendendo ao interese e adecuación ao interese local da actividade; o número de socios activos; o coeficiente de financiamento derivado da solicitude; o orzamento da actividade; a promoción da lingua galega; e a adhesión ao sistema de arbitraxe de consumo de Galicia.

Por outra banda, no caso de que tras efectuar o reparto das axudas exista un remanente na convocatoria, este destinarase a incrementar proporcionalmente o importe das achegas asignadas no primeiro reparto, ata que algunha das solicitudes acade un coeficiente de financiamento do 80%, ou o límite de 9.000 euros. Esta é outra das novidades introducidas nesta liña de axudas.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames mantiene en 25.000 € las ayudas para el comercio"