Pestanas principais

Ames aproba as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local dotada cun importe de 40.000 euros

Venres, 29 de marzo de 2019

O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondentes aos exercicios 2017 e 2018. O importe total das axudas acada os 40.000 euros. As bases foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e hoxe, venres 29 de marzo, saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais mes dende mañá sábado 30 de marzo. O Concello de Ames presupostou máis de 50.000 euros anuais durante este mandato para a promoción comercial. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de axudas.

A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal. A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, sinala, ademais, que o obxectivo das axudas é “potenciar o comercio amesá intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade e procurando a estabilidade da actividade comercial local, outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.

Para percibir o importe íntegro da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar a realización, como mínimo, dun gasto igual ao importe total do proxecto presentado. Os/as interesados/as deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica: https://sede.concellodeames.gal/opencms/gl/. As bases foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e hoxe, venres 29 de marzo, saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais mes dende mañá sábado 30 de marzo.

Haberá dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 37.000 euros, destinarase a subvencionar as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no Concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación, de 3.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc.). Considéranse incluídos así mesmo nesta liña de actuación os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales tan só os gastos de alugueiro de locais e xestoría. Non se inclúen os gastos de mantemento común, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Os gastos para os que se solicite a achega municipal tiveron que ser efectuados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 1 de novembro de 2018.

Promoción do comercio local
O Concello de Ames presupostou máis de 50.000 euros anuais durante este mandato para a promoción comercial. Dos 203.635,45 euros presupostados, 130.000 euros foron destinados ás subvencións de promoción económica para as asociacións; 50.000 euros corresponden ás campañas de Nadal das asociacións; con 10.211,70 euros subvencionáronse as Feiras do Comercio Val da Maía; e 13.423,75 dedicáronse aos Concursos de Escaparates. Ademais de todo isto, habería que computar todas as campañas levadas a cabo dende o departamento para a promoción comercial, como por exemplo a última campaña de Nadal na que se investiron 7.000 euros.

Ligazóns

Ames aproba as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local dotada cun importe de 40.000 euros