Pestanas principais

Ames aposta polo alugueiro de novos camións para solucionar a curto prazo as deficiencias no servizo de recolleita do lixo que presta a Mancomunidade Serra do Barbanza

Mércores, 05 de abril de 2017

[05-04-2017] Este pasado martes pola tarde o alcalde de Ames, José Miñones, acudiu a Muros para participar nunha xuntanza da Mancomunidade Serra do Barbanza, na que estiveron presentes tantos os alcaldes que forman parte desta entidade como os que non son socios de pleno dereito (Ames, Rois e Pontecesures). Esta reunión foi solicitada a semana pasada por parte do goberno municipal amesán co obxectivo de buscar unha solución ante as deficiencias no servizo de recollida do lixo producidas nas últimas semanas. O rexedor amesán solicitou que se aposte pola vía do alugueiro de camións fronte ás reparacións, tanto por custe como por rapidez, para solucionar esta situación a curto prazo. A retirada do lixo das rúas ante a falta de camións ten que ser a prioridade.

Nesta xuntanza falouse da situación actual na que se atopa a prestación deste servizo; das medidas que se tomaron durante as últimas semanas; da situación dos Concellos de Ames, Rois e Pontecesures, que non son socios de pleno dereito; de como afectaría a entrada destes concellos como socios de pleno dereito ao contrato actual con FCC; e da situación dos camións que prestan dito servizo. Estes foron algúns dos temas que se abordaron na reunión da Mancomunidade celebrada onte pola tarde en Muros.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “a preocupación principal dos concellos é o arranxo das deficiencias deste servizo a curto prazo, pero sen deixar de lado a situación a medio prazo. A Mancomunidade ten iniciado o proceso de adquisición de tres novos vehículos, pero haberá que ver con detalle a situación do parque móbil e mailo contrato de FCC, no caso de que os tres concellos que actualmente non somos socios de pleno dereito entremos na Mancomunidade como socios de pleno dereito”.

Por outra banda, abordouse a posibilidade de facer un novo convenio, pero na actualidade é imposible debido á lei de contratos. Aclarouse que actualmente Ames ten un convenio vixente coa Mancomunidade e polo tanto FCC ten que poñer os camións do mesmo xeito que o viña facendo, e en caso de que se avaríen deberán reparalos e cubrir o servizo. O rexedor amesán solicitou que se lle comunique este feito a FCC como vén reclamando. Ademais, dende Ames solicitouse que pola falta de servizo se abra expediente a FCC, o cal acumula xa dúas faltas polos meses de febreiro e marzo.

Finalmente, acordouse facer unha reunión de urxencia este mesmo xoves, 6 de abril, cos técnicos de cada Concello, Secretarías e Intervencións, xunto cos técnicos da propia Mancomunidade, de cara a estudar todas as posibilidades e establecer de xeito conxunto unha liña de actuación. Nesta reunión que terá lugar en Lousame preténdese afondar nos incumprimentos de FCC, na situación xurídica do actual contrato, así como do futuro contrato no caso de que entrasen os Concellos de Ames, Rois e Pontecesures a ser socios de pleno dereito. Tamén se estudarán posibles vías a establecer tanto a curto como medio prazo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames insta á mancomunidade a alugar máis camións do lixo"
La Voz de Galicia: "Ames y Serra do Barbanza optan por negociar con FCC para agilizar la recogida de la basura"
La Voz de Galicia: "Ames apuesta por el alquiler de camiones para recoger la basura con regularidad"