Pestanas principais

Ames apoia a campaña #LIUB no Día mundial de concienciación sobre o autismo

Sábado, 01 de abril de 2017

[01-04-2017] O Concello de Ames apoia a campaña #LIUB no Día mundial de concienciación sobre o autismo, que se conmemora este domingo 2 de abril. O goberno municipal está traballando nun proxecto de accesibilidade cognitiva que se vai levar a cabo con Autismo Galicia. Colocaranse un total de 449 pictogramas en diferentes edificios municipais como na Casa Concello, bibliotecas, pavillóns polideportivos, Casas da Cultura, dependencias de Servizos Sociais e na piscina municipal. Trátase dunha aposta clara por romper as barreiras en materia de accesibilidade cognitiva.

Este domingo, 2 de abril, celébrase o Día mundial de concienciación sobre o autismo 2017. Cada ano miles de edificios emblemáticos de todo o planeta ilumínanse de azul en sinal de apoio as persoas con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo). Trátase dunha campaña mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue), e apoiada por Autismo Europa, Autismo España e por Autismo Galicia. No 2016 ilumináronse en España preto de cen monumentos, entre eles os máis importantes de Galicia.

O Concello de Ames apoia esta campaña e desenvolverá un proxecto de accesibilidade cognitiva que se vai levar a cabo con Autismo Galicia. Colocaranse un total de 449 pictogramas en diferentes edificios municipais como na Casa Concello, bibliotecas, pavillóns polideportivos, Casas da Cultura, dependencias de Servizos Sociais e na piscina municipal. Trátase dunha aposta clara por romper as barreiras en materia de accesibilidade cognitiva.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que "os beneficios de adaptar ás persoas con autismo os espazos que estas máis utilizan son variados. Estas persoas poderían facer uso das instalacións dun xeito máis igualitario e autónomo, xa que comprenderían mellor o seu funcionamento. As persoas sen autismo que se acheguen a estes espazos terán a oportunidade de coñecer este sistema alternativo de comunicación e sensibilizaranse coa causa do autismo. Polo tanto, estamos a falar tamén dunha acción de educación pública”.

Outros obxectivos que se perseguen a través deste proxecto é reforzar o sentido do termo público como unha institución, un servizo ou un lugar que debe estar a disposición de todos os cidadáns, independentemente das súas características persoais; servir como exemplo de inclusión e sensibilización para outros concellos ou para o sector privado; e outros colectivos como as persoas con discapacidade intelectual, problemas de linguaxe ou de visión e estranxeiros que non coñezan esta lingua atoparán nos pictogramas unha valiosa axuda.