[01-12-2011] O novo goberno local de Ames cambiou as compañías que xestionaban ata o de agora os seguros do parque móbil do Concello dentro dunha actuación enmarcada na xestión responsable de recursos económicos, pois este cambio supón un importante aforro anual para as arcas municipais. Ames dispón actualmente dun parque móbil en propiedade composto por 18 vehículos entre furgonetas, coches patrulla, motocicletas etc. que ata o de agora tiñan as pólizas de seguro en varias aseguradoras e con prezos dispares, algúns deles moi elevados, para vehículos que polas súas características técnicas e coberturas de risco deberían ter un seguro cun custe similar.
Ante a dispersión nas pólizas de seguros e os elevados importes que se estaban a pagar, o alcalde de Ames e delegado da área económica do Concello, Santiago Amor, decidiu xestionar estas pólizas dun xeito máis eficiente e cunha única axencia de seguros de xeito que os importes custos anuais que se viñan aboando ata o de agora pola totalidade dos vehículos ascendían a 15.381,08 euros se reduciron "drasticamente" a 5.803 euros, o que supón un aforro para as arcas municipais de 9.578,08 euros anuais. Cómpre destacar que a cobertura dos seguros é practicamente a mesma.
Nalgúns vehículos o aforro supera os 1.000 euros, como é o caso dun Renault Megane polo que antes se pagaban 1.403,81 euros e agora 328 euros, ou un vehículo marca Ford Focus polo que se pagaban 1303,36 euros e agora tamén se aboan 328 euros. Na maioría dos casos o aforro é moi significativo e supera os 500 euros.