Pestanas principais

Ames adhírese á Rede Española de Cidades Saudables

Martes, 05 de xaneiro de 2016

[05-01-2016] O Concello de Ames acaba de recibir un comunicado no que se informa de que a Xunta de Goberno da FEMP, nunha reunión celebrada o pasado 24 de novembro de 2015, ratificou a petición feita polo goberno municipal para adherirse á sección da FEMP da Rede Española de Cidades Saudables. Está previsto que durante o primeiro semestre do 2016 se poña en marcha un programa de obradoiros e actividades que busca á promoción dunha vida saudable entre a veciñanza amesá. O asesoramento nutricional e a promoción do deporte son obxectivos transversais deste programa.

Na actualidade a Rede Española de Cidades Saudables aglutina a 153 entidades locais, cuxo obxectivo é a promoción e protección da saúde e o benestar dos cidadáns, en concordancia cos principios de actuación correspondentes ao proxecto “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde. A solicitude de adhesión a esta rede realizouse despois de que no pleno ordinario do mes de setembro de 2015 se aprobase por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo pedindo a adhesión de Ames á Rede de Concellos Saudables.

O plan para a participación do concello na Rede consta de dúas fases. A primeira é a recuperación do programa ''Ames saudable'', mentres que na segunda recóllese a ampliación do programa con charlas e obradoiros estruturados tanto por franxas de idade como por problemáticas concretas. O asesoramento nutricional e a promoción do deporte son obxectivos transversais en ambas fases.

O programa ''Ames saudable'' engloba tres áreas de actuación: a promoción de hábitos de alimentación equilibrados e saudables, a práctica frecuente de actividades deportivas en todas as idades e a promoción dunha vida saudable a través da detección, prevención e actuación nos casos de drogodependencia. Ademais da organización de actividades, o Concello instalará dous puntos de información nutricional, atendidos pola nutricionista de Ames, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Este servizo porase en marcha durante este mes de xaneiro.

As actividades que se porán en marcha estrutúranse en torno a tres grupos de idade: infancia, mocidade e maiores. Nos dous primeiros casos buscarase o compromiso dos pais e nais e dos clubs deportivos, referentes de moitos rapaces e rapazas. Cos mozos e mozas tamén se realizarán obradoiros e charlas de prevención de consumo de drogas ou alcol. Para a franxa dos maiores o Concello, ademais da promoción de consellos nutricionais, organizará actividades de envellecemento activo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Recuperan el programa a pro del deporte y contra las drogas Ames Saudable"