Pestanas principais

Ames adhírese ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras

Luns, 30 de maio de 2016

[30-05-2016] O Concello de Ames remitiulle á Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo unha comunicación manifestando a decisión de adherirse ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, así como o desexo de participar no procedemento para a incorporación de vivendas ao mencionado programa.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos resulta contraria ás esixencias dun axeitado principio de uso racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica coma por ser un factor de sustentabilidade medio ambiental e territorial, polo que o programa de vivendas baleiras persigue promover o uso destas vivendas outorgándolle aos Concellos que as incorporan as garantías xurídicas e económicas necesarias e que son asumidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O obxecto deste convenio é regular a colaboración entre o IGVS e a FEGAMP coa finalidade de difundir e promover a incorporación dos concellos de Galicia ao programa de vivendas baleiras, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

As persoas titulares das vivendas e as inquilinas que teñan contratos de arrendamento no marco deste programa, poderán acollerse ás medidas de apoio e ás axudas públicas para o fomento do alugueiro establecidas polo IGVS e que estivesen vixentes durante a duración do contrato.

O IGVS para cada unha das vivendas arrendadas durante os anos 2016 e 2017 o abeiro do citado programa, proporcionará un seguro multirisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos os danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento, e un seguro de garantía de cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas.

Selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas
Serán os propios Concellos os encargados de elaborar unha proposta de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas. Nestes procedementos deberá esixirse que os integrantes das unidades familiares ou de convivencia que queiran arrendar cumpran unha serie de requisitos xa que os obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e favorecer o acceso á vivenda de colectivos singulares, en particular, colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

No procedemento de adxudicación establecerase un prezo máximo da renda do alugueiro que no caso do Concello de Ames non poderá ser superior a 300 euros. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, indica “consideramos que aínda que a iniciativa é boa quizais o Convenio se quede un pouco curto, máis aínda si temos en conta o momento socio-económico no que estamos a vivir e que 300 euros non nos parece unha renda moi `social´, polo que tentaremos que se rebixe o máximo posible”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames rebajará la renta de 300 euros al mes en los pisos para alquiler social"
El Correo Gallego: "Adhesión amaiana para emplear viviendas vacías"