Pestanas principais

Ames adhírese ao convenio asinado entre a FEGAMP e as empresas subministradoras de enerxía para a protección das familias en situación de vulnerabilidade ou urxencia social

Martes, 04 de abril de 2017

[04-04-2017] O Concello de Ames vén de adherirse ao convenio asinado o día 18 de xaneiro de 2017 entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as empresas subministradoras de enerxía, para a protección das persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou emerxencia social en Galicia, a través da coordinación cos servizos sociais municipais. Nesta iniciativa colaboran as entidades Endesa, Gas Natural Fenosa, Iberdrola e Viesgo Energía.

O convenio ten por obxecto establecer os mecanismos de coordinación entre a FEGAMP, os concellos que se adhiran e mailas empresas asinantes, encamiñados a evitar a suspensión da subministración de electricidade e gas a persoas e familias beneficiarias por razón do impago da factura ou facturas eléctricas ou de gas. Tamén se contemplan os casos de suspensión da subministración, nos cales se facilitará o seu restablecemento no menor período de tempo posible, en virtude da prestación económica de emerxencia social que a Administración local concederá ao beneficiario, previo informe dos servizos sociais municipais, para o pagamento da factura ou das facturas adebedadas.

Poderanse beneficiar deste convenio as persoas consumidoras da subministración de enerxía eléctrica ou gas prestado polas empresas asinantes para a súa vivenda habitual situada no ámbito territorial de Galicia que, previa valoración técnica dos servizos sociais municipais, poidan ser beneficiarias dunha prestación económica de emerxencia social por atoparse en situación de vulnerabilidade.

Para obter máis información sobre este convenio poden poñerse en contacto co departamento municipal de servizos sociais chamando aos números de teléfono 981 890 964 (Bertamiráns) ou 981 535 941 (O Milladoiro).