Pestanas principais

Ames acolleu a segunda gala do deporte feminino galego dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller

Sábado, 09 de marzo de 2013

[09-03-2013] Este sábado pola tarde, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a II Gala do deporte feminino galego, na que se entregaron os premios as mellores deportistas galegas do ano pasado. As medallistas olímpicas galegas Tamara Echegoyen, Sofía Toro e Begoña Fernández foron premiadas co galardón de mellores deportistas galegas 2012. Esta gala estivo organizada pola Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia (MUDEGA) en colaboración co Concello de Ames. O evento enmárcase dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O acto estivo presidido polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes e Benestar Social, María Eugenia Martín, e contou coa asistencia de varios membros da Corporación municipal. Ademais, ao longo de toda a tarde houbo exhibicións de patinaxe e boxeo, así como un partido de fútbol sala entre a selección galego e un combinado de Ames.

Este ano a Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia (MUDEGA) escolleu o Concello de Ames para celebrar a segunda edición da gala do deporte feminino galego. Durante o acto, confirmouse que a próxima edición se celebrará no Concello de O Porriño, cuxo alcalde, Nelson Santos, estivo esta tarde no Milladoiro. Este acto serve para premiar e recoñecer o traballo das mellores deportistas, institucións, medio de comunicación e empresas privadas que contribúen co deporte feminino de Galicia. A este acto tamén asistiron varios membros da Corporación municipal; a presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia (MUDEGA), Pilar Neira; o xerente da Fundación Deporte Galego, Javier Rico; o ciclista Ezequiel Mosquera e representantes de federacións deportivas galegas.

Durante a gala, levouse a cabo a lectura do manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller, elaborado en consenso entre o Goberno amiense e a oposición. O texto amosa o apoio da Corporación municipal á igualdade efectiva entre mulleres e homes, e subliña as consecuencias que ten a crise económica especialmente para as mulleres

.Na súa intervención ao remate do acto, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que o Concello de Ames é consciente do papel importantísimo que xogan as mulleres na sociedade, xa que, subliñou “elas son, sen dúbida algunha, un piar básico da nosa sociedade, xa que sen mulleres non hai Ames, nin Galicia”. O rexedor fixo fincapé en que “para Ames é unha honra acoller esta Gala do Deporte Femenino, na que se reafirma o éxito das deportistas galegas, xa que moitas delas son un referente nas súas diferentes especialidades e outras son unhas auténticas promesas de futuro”.

Galardoados

Este ano o premio para a mellor deportista da pasada tempada foi triplo. Deste xeito, recibiron este galardón as tres medallistas galegas olímpicas: as regatistas Tamara Echegoyen e Sofía Toro, que lograron o ouro, e a xogadora de balonmán Begoña Fernández, cun bronce. Echegoyen e Fernández non puideron asistir á Gala, polo que recolleron o seu galardón familiares. Ademais, a nadadora María Vilas (campioa de Europa júnior en 800 metros libres, subcampioa de Europa júnior en 400 estilos e bronce europeo en 1.500 libres) recibiu o premio a mellor deportista promesa.

O premio ao mellor equipo foi para o Natural Sport de Ribeira, de taekwondo, que logrou o subcampionato de Europa de clubs na categoría feminina e tamén se proclamou campión de España. O xurado valorou a traxectoria de Teresa Portela (catro veces olímpica) para outorgarlle o premio á mellor traxectoria; mentres que Dolores Rojas (xuíza de atletismo internacional que participou nos Xogos Olímpicos de Londres) recibiu o premio á mellor árbitra.

Rogelio Sabio, do club CRAT Universidade da Coruña e da selección galega de rugby, foi elixido mellor adestrador do ano 2012 tras lograr o subcampionato na Liga de División de Honra co seu equipo e o terceiro posto no Campionato de España coa selección galega, mentres que Juan Vázquez, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, foi elixido como mellor directivo polo seu traballo a prol do fútbol feminino.

Mecalia, patrocinador do club Atlético Guardés e da traíña Rías Baixas, foi a entidade privada máis colaboradora do deporte feminino, mentres que o Concello do Porriño foi elixido como a mellor entidade pública, pola súa aposta polo deporte feminino. O premio para o medio de comunicación amigo correspondeulle a “La Voz de Galicia” e o galardón para a mellor iniciativa a prol do deporte feminino recaeu no club de caza “Monteiros Galaicos”, que organizou unha montería exclusivamente feminina e xa levan dous anos con esta iniciativa e unha magnífica resposta.

No transcurso da gala, MUDEGA tamén realizou unha mención especial para as xogadoras do club Karbo de fútbol da Coruña, que lograron 5 campionatos estatais e foron a base da primeira selección galega feminina, campioa estatal no primeiro campionato estatal de seleccións territoriais. Ademais, houbo no transcurso da gala realizouse unha exhibición do Mace Sport de taekwondo. 

Actividades conmemorativas
Aproveitando a celebración deste acto en Ames o goberno municipal elaborou unha programación de actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller que estiveron estreitamente ligadas ao deporte. A programación de actividades comezou ás 17:00 horas cunha exhibición de patinaxe a cargo do alumnado das escolas deportistas de Ames. A continuación, ás 18:00 horas, houbo un partido de fútbol sala entre a selección galega e un combinado de Ames. Por último, ás 19:30 horas, realizouse unha exhibición de boxeo.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro acogió la gala del deporte gallego femenino"