[26-09-2012] Este mércores o Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, acolleu unha xuntanza na que participaron os Concellos de Ames, Santiago de Compostela, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Vigo e A Baña, para avaliar o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso pasado e para organizar unha nova edición desta actividade. Trátase dunha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. A través do Club do Debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. En representación do Concello de Ames asistiron á xuntanza a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
O Club do Debate é unha idea impulsada dende os servizos de normalización lingüística dos concellos na que participan diferentes concellos como Ames, Santiago de Compostela, Teo, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Vigo, etc. De feito, esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.
Durante a pasada edición os Concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo incorporáronse a este programa mediante a sinatura dun protocolo de colaboración con outros concellos como As Pontes, Ferrol, Pontevedra e Vigo. O Club do Debate está dirixido aos centros de educación secundaria, bacharelato e ciclos, con alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de ciclos formativos, nunca maiores de 18 anos.
A reunión que se desenvolveu esta mañá no Pazo da Peregrina serviu para avaliar o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso 2011-2012. Valorouse as bases do concurso, a temática elixida, o calendario da Liga de debate e a final que se celebrou na cidade de Pontevedra. Todos os concellos participantes valoraron de xeito moi positivo o desenvolvemento da edición anterior desta iniciativa e acordaron darlle continuidade e intentar ampliar a participación en vindeiras edicións.
Club de Debate 2012-2013
Na segunda parte da reunión abordouse a organización do Club de Debate durante o curso 2012-2013. Acordouse establecer de prazo ata o 25 de outubro para que os concellos interesados poidan sumarse a esta iniciativa. A Liga de debate estará dividida en dúas fases: comarcal e final. As fases comarcais terán que realizarse antes do 8 de abril de 2012. Mentres que a final desta edición desenvolverase no Concello de Santiago a principios do mes de maio. Ademais, todos aqueles concellos que o consideren oportuno poderán facer unha fase local para determinar os equipos de rapaces e rapazas que asistirán á fase comarcal.
Previamente, abrirase un prazo de inscrición para que os centros de ensino dos concellos adheridos a esta iniciativa se poidan inscribir. A través do Club do Debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames divulga el Club de Debateen la comarca"




