Pestanas principais

Ames acollerá un novidoso espectáculo de clown polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Martes, 20 de xuño de 2017

[20-06-2017] Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é o obxectivo do novo espectáculo de clown creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A peza “O valo” chegará ao concello de Ames no vindeiro mes de outubro. Esta actividade enmárcase dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola ONU no 21 de xuño. A proposta percorrerá en total dez concellos socios do Fondo Galego co fin de evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.

O actor Fran Rei e a actriz Saleta Fernández, baixo a dirección de Iván Prado, interveñen no espectáculo O valo, baseado no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. O valo é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

Ames, Poio, Laxe, Redondela, San Sadurniño, A Guarda, Caldas, Ourense, Cabanas e A Coruña son os municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que acollerán antes de finais de ano esta actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Pallasos en Rebeldía defínese coma un espazo do teatro galego para traballar a cooperación internacional a través da risa. Xurdida nunha visita a Chiapas en 2004, considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir que tamén teñen as persoas máis desfavorecidas ou a superación dos nosos complexos mediante a cura da gargallada.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.