Pestanas principais

Ames acollerá un curso de autoprotección para mulleres víctimas da violencia de xénero

Sábado, 10 de setembro de 2011

[10-09-2011] O Concello de Ames acollerá un curso de autoprotección para mulleres víctimas da violencia de xénero durante os vindeiros días 19, 20, 22, 26, 27 e 29 de setembro en horario de 18.00 h. a 20.00 horas da tarde. Trátase dunha iniciativa posta en marcha o pasado ano pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Sindicato Unificado de Policía. As localidades de Arteixo, Ribeira, O Barco, Verín, Cangas, Moaña e Ponteareas acolleron os cursos celebrados no que vai de ano. Ames, Monforte e Vigo tamén foron localidades elixidas para impartir o curso nos meses de setembro e outubro.

As beneficiarias deste curso aprenderán técnicas de seguridade estática e dinámica para reaccionar ante unha situación de violencia e como actuar se hai un menor presente. Os contidos didácticos están orientados á adquisición de destrezas que lles proporcionen ás mulleres unha maior habilidade para xestionar positivamente as situacións de risco por violencia e, consecuentemente, teñan unha percepción de maior seguridade persoal. O encargado de impartir estes talleres é Alejandro Gómez, un axente adscrito ao Sindicato Unificado de Policía Nacional.

Cada curso ten unha duración de 12 horas, divididas en sesións teóricas e prácticas, consistentes en analizar a tipoloxía dos comportamentos violentos que se producen e os escenarios máis frecuentes destes, entre os que o máis habitual é o domicilio. En canto aos contidos prácticos que se imparten o curso destacan técnicas para practicar esquivas, o uso correcto da distancia ante unha agresión, os movementos precisos para un desprazamento eficaz, o compostamento recomendable se hai menores presentes, ou o uso da voz para conter a violencia do agresor.

Contacto para máis información

Todos os veciños e veciñas que estean interesados en poñerse en contacto co departamento da Muller poden acudir á unidade municipal de servizos sociais de Bertamiráns, que se atopa a Casa da Cultura de Bertamiráns, ou á unidade municipal de servizos sociais do Milladoiro, que se atopa nas oficinas xerais do Milladoiro. Tamén poden chamar ao números de teléfono 981 890 964 e 981 535 941 ou mandar un correo electrónico solicitando a información que desexen á dirección muller@concellodeames.org.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Mujeres de Ames podrán aprender con la policía técnicas de autodefensa"