Pestanas principais

Ames acollerá a primeira proba do Circuíto de Pádel Solidario en beneficio das persoas con parálise cerebral

Luns, 01 de outubro de 2012

[01-10-2012] A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da primeira proba do Circuíto de Pádel Solidario, que organizan Aspace-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) e Let Pádel Ames e que se celebrará entre os días 7 e 14 de outubro. A presentación contou coa asistencia do alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro; polo director do torneo e xerente de Let Pádel, Miguel Martínez de Orense; pola presidenta de Aspace-Galicia, Concepción Somoza, e polo director de Nortempo, Fernando Berdugo.

Durante a súa intervención, o alcalde de Ames agradeceu a Aspace-Galicia que elixira Ames para celebrar este torneo, que, segundo destacou “permitirá contribuír a una boa causa e fomentar este deporte no noso concello e na comarca”. Santiago Amor subliñou que “o Concello colaborará sempre con calquera iniciativa social que se presente” e apostou por abrir novas liñas de colaboración con Aspace-Galicia, que conta na actualidade con cinco asociacións federadas nas que se integran máis de 1.110 asociados, entre familiares e usuarios.

A primeira proba do Circuíto de Pádel Solidario pola parálise cerebral terá lugar en Let Pádel Ames (Bugallido) entre os días 7 e 14 de outubro. O obxectivo é recadar fondos para o financiamento de programas e servizos especializados para a mellora da calidade de vida do colectivo de persoas con discapacidade cerebral de Galicia. A competición está aberta a todos aqueles que queiran participar: tanto afeccionados como profesionais. Este torneo xa se celebrou con grande éxito en Nigrán e levarase a cabo proximamente en A Coruña, Pontevedra e Vigo.

A inscrición, que estará aberta ata o día 5 de outubro, pode facerse online a través das páxinas web www.doblered.es e www.letpadelames.es e terá un custe de 15 euros. Con cada inscrición, os participantes recibirán un polo conmemorativo e un bono spa para dúas persoas. O torneo, non federado, conta con catro categorías: masculina (1ª,2ª e 3ª), femenina (1ª e 2ª), mixta (1ª e 2ª) e empresas. Os gañadores recibirán un trofeo e haberá un obsequio para todos os finalistas.

Na rolda de prensa, a presidenta de Aspace-Galicia, Concepción Somoza, animou a todas as persoas interesadas, tanto de Ames como de toda a comarca de Santiago, a participar nesta iniciativa solidaria, “que permite sensibilizar á cidadanía sobre a parálise cerebral”.

Finalmente, o director do torneo e xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense, destacou que o circuíto “é unha boa oportunidade para practicar un deporte saudable e colaborar cunha boa causa”. Lembrou, ademais, que este domingo, 7 de outubro, terá lugar a inauguración do Circuíto de Pádel Solidario. Despois, durante a semana celebraranse os cadros eliminatorios e na próxima fin de semana, os finais.