Pestanas principais

Ames acollerá o Campus Experience da Fundación Realmadrid, que organiza a Peña madridista IL Ritrovo de Ames

Sábado, 16 de marzo de 2013

[16-03-2013] O primeiro Campus Experience da Fundación Realmadrid, que se organice en Galicia, terá lugar do 1 ao 12 de xullo na localidade amiense de Bertamiráns grazas ao traballo e xestión da Peña madridista IL Ritrovo. Este sábado pola mañá, no Pazo da Peregrina, celebrouse a rolda de prensa de presentación deste evento deportivo. Nesta presentación participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o director dos Campus Experience da Fundación Realmadrid, Joaquín Sagués, o presidente da Peña madridista IL Ritrovo, Gustavo Nieto, e o ex-xogador do Real Madrid CF, Amancio Amaro. No Campus Experience, que está dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 17 anos, traballaranse aspectos futbolísticos tácticos e técnicos, pero ademais fomentaranse valores como o compañeirismo, a tolerancia ou os hábitos de vida.


Colaboración do Concello de Ames
O acto de presentación pechouno o alcalde de Ames, Santiago Amor, que destacou o traballo feito pola Peña madridista IL Ritrovo para traer este campus a Ames. Ademais engadiu “agardo que esta primeira edición sexa un éxito e que poidan volver a organizarse outras edición do campus aquí. Ogallá Ames poida ser sede estable deste campus deportivo”. A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, tamén estivo neste acto de presentación. O Concello de Ames colabora na organización deste Campus coa cesión de instalacións municipais para o desenvolvemento desta actividade.

Para obter máis información ou descargar o impreso de inscrición poden consultar a páxina web http://campusexperienceames.com/. Tamén poden solicitar información a través do correo electrónico info@campusexperienceames.com.

Detalles técnicos do Campus
O director dos Campus Experience da Fundación Realmadrid, Joaquín Sagués, foi o encargado de explicar os detalles deste campus que traballa aspectos futbolísticos tácticos e técnicos, ademais de fomentar valores como o compañeirismo, a tolerancia ou os hábitos de vida. Este Campus, que está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 7 e 17 anos, desenvolverase durante a primeira quincena do mes de xullo (do 1 ao 5 e do 8 ao 12 de xullo).

Sagués explicou que “o obxectivo deste proxecto é trasladar aos máis novos os valores que se asocian ao Real Madrid, como o liderado, autocontrol, traballo en equipo, esforzo e respecto aos demais”. O Campus fará tamén especial fincapé na importancia da nutrición no desenvolvemento do deportista, para que os participantes melloren os seus hábitos alimentarios, de tal forma que se afagan desde pequenos a manter unha dieta sa e saudable.

No Campus Experience, a combinación de deporte e formación convértese nun proceso educativo intenso e enriquecedor para os participantes. A través da práctica do fútbol e dun variado programa de actividades formativas, divertidas e innovadoras. Na parte deportiva contarase con adestradores da Fundación Realmadrid, licenciados e diplomados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como técnicos deportivos e persoal de apoio. Por outra banda, a parte formativa será impartida por pedagogos, mestres, educadores, monitores de lecer e tempo libre.

Foron moitos os veciños/as, afeccionados ao fútbol, membros da Peña madridista IL Ritrovo, e concelleiros/as da corporación municipal amiense os que se achegaron durante a mañá deste sábado ao Pazo da Peregrina para asistir á presentación do Campus Experience da Fundación Realmadrid. O encargado de abrir a quenda de intervencións foi Gustavo Nieto, presidente da Peña madridista IL Ritrovo, que lle deu as grazas a todos os presentes e lle agradeceu de xeito especial a Amancio Amaro que sexa o padriño deste primeiro Campus Experience que se realiza en Galicia.

A continuación interveu o ex-xogador do Real Madrid CF, Amancio Amaro, que explicou que estaba en Madrid durante estes días, pero veu a Bertamiráns de forma expresa para apadriñar este campus deportivo. “Faime moita ilusión estar na presentación do que é o primeiro campus da Fundación Realmadrid en Galicia. Espero que este evento deportivo sirva para que os nenos se divirtan, e quen sabe, ao mellor algún día un neno que participa neste campus ficha primeiro polo Deportivo e despois polo Real Madrid”, engadiu Amancio Amaro. O veterano xogador do Real Madrid fixo entrega dunha camiseta do Real Madrid asinada polos xogadores da plantilla do primeiro equipo e por el mesmo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames acollerá o Campus Experience da Fundación Realmadrid"