Pestanas principais

Ames acollerá o 19 de maio un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo urbano de Aldea Nova

Mércores, 04 de maio de 2022

Este martes, 3 de maio, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello na que se presentou un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo de poboación de Aldea Nova, ante unha activación do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (PEIFOGA) en situación 1 e o paso a situación 2. O simulacro realizarase o vindeiro 19 de maio e desenvolverase nos lugares de Roxos (parroquia de Villestro, pertencente ao concello de Santiago de Compostela), e na urbanización de Aldea Nova (parroquia de Ortoño, no concello de Ames). Comezará ás 8:45 cun incendio de nivel 1 na zona de Roxos, que ao non poder ser controlado, pasará a nivel 1 chegando ao nivel 2 ao longo da mañá.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 3 de maio, unha xuntanza para presentar un simulacro de emerxencia por incendio forestal, que se vai a desenvolver o próximo 19 de maio nos concellos de Santiago de Compostela (Roxos) e Ames (urbanización de Aldea Nova). Comezará ás 8:45 cun incendio de nivel 1, na zona de Roxos, que ao non poder ser controlado pasará a nivel 1 chegando ao nivel 2 ao longo da mañá.

Na presentación participaron o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente do Concello de Ames, Manuel Lens, o xefe de prevención de incendios na delegación da Coruña de Medio Rural, Guillermo Acebal, o xefe do servizo de emerxencias da Xunta de Galicia, Victor Manuel Vázquez, e representantes do GES Brión, GES Padrón, Consorcio Provincial, Bombeiros de Santiago, Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local de Santiago, Policía Local de Ames, Garda Civil do Milladoiro, Garda Civil de Santiago, Grupo de Apoio Loxístico Axega, Distrito Forestal 3, 061, Subdelegación do Goberno e Subdirección Xeral de Emerxencias.

Neste simulacro, que se realizará o 19 de maio, vanse a realizar diferentes exercicios como pode ser o control de tráfico, activación e funcionamento do Centro de Recepción de Medios (CRM), constitución dos centros de mando e control, mobilización de diferentes grupos operativos, execución de técnicas de protección de vivendas e instalacións etc. Ao rematar o simulacro levarase a cabo unha análise crítica de como se levaron a cabo os mesmos e os seus resultados, co único obxectivo de seguir mellorando. O Posto de Mando Avanzado (PMA) e mailo Centro de Recepción de Medios (CRM) vanse a instalar nas inmediacións do campo de fútbol de Villestro.

Tanto Guillermo Acebal, xefe de prevención de incendios na delegación da Coruña de Medio Rural, como Victor Manuel Vázquez, xefe do servizo de emerxencias da Xunta de Galicia, destacaron a importancia da coordinación entre os distintos servizos nun caso de emerxencia deste tipo, para que o impacto sobre a poboación e as infraestruturas sexan o menor posible. Por iso é tan importante realizar este tipo de simulacros. Tamén insistiron que este exercicio está aberto a calquera suxestión por parte dos asistentes, aos que lles solicitaron que lles fagan chegar as mesmas para poder incluílas no simulacro.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, explica que “dende o Concello de Ames recibimos con agrado que se faga este simulacro no entorno de Aldea Nova, xa que é unha das zonas máis sensibles do municipio, sen esquecer que o concello de Ames está considerado Zona de Alto Risco de incendios (ZAR). Non debemos esquecer que, no que levamos de 2022, xa sufrimos 6 incendios forestais que queimaron unhas 20 hectáreas de monte”.

Obxectivos do simulacro
Segundo se indica no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), un incendio con índice de gravidade potencial 2 e un incendio no que, na súa evolución máis desfavorable, prevese que vai a ser unha ameaza seria para os núcleos de poboación e das infraestruturas de especial relevancia e o dano forestal que se agarda é moi importante (pola extensión do incendio ou polas características da masa afectada), de forma que se fai necesario adoptar inmediatamente medidas para a atención e o socorro da poboación e para a protección dos seus bens.

O que se pretende con este simulacro é avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos para atender unha situación de emerxencia por incendio forestal aplicando aos plans de emerxencia correspondentes.

Os obxectivos específicos son:
-Avaliar a operatividade do PEIFOGA.
-Coordinación entre o PLADIGA e o PEIFOGA.
-Adestramento do sistema de comunicacións baseado na rede TETRA.
-Informar á poboación sobre como actuar en caso de emerxencia por incendio forestal.
-Comprobación dos procedementos de activación dos plans de actuación municipal, no seu caso.
-Adestramento e concienciación do persoal pertencente aos diferentes grupos operativos e centros de coordinación, mando e control, nas tarefas asignadas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Simulacro de incendio: o día 19 arderá Aldea Nova"

Ames acollerá o 19 de maio un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo urbano de Aldea Nova

Multimedia

  • Ames acollerá o 19 de maio un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo urbano de Aldea Nova