[14-07-2012] O número de vodas civís que se celebran no Concello de Ames increméntase dun xeito considerable no verán. No que vai de ano, contabilizáronse un total de 21 unións civís no Concello e aínda quedan 14 previstas ata o mes de novembro. Deste xeito, e á falta das solicitudes que se poidan rexistrar, este ano Ames achegarase á cifra de 40 vodas civís, unha media que se vén rexistrando nos últimos anos. Por exemplo, en 2011 contabilizáronse 35 casamentos, unha cifra moi similar á de 2010.
Pese a que hai vodas todos os meses de ano, a época estival é a preferida para a celebración dos casamentos civís, xa que só nos meses de xuño, xullo e agosto están previstas 17. Así, en xuño oficiáronse 6 vodas, mentres que para este mes de xullo hai previstas outras tres, dúas delas para este mesmo fin de semana. Agosto será o mes máis forte para este tipo de celebracións, xa que hai solicitadas un total de oito. Sen dúbida, a fin de semana con máis vodas será a do 18 e 19 de agosto, na que se realizarán catro.
O escenario preferido para a celebración das vodas civís é, por maioría, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un enclave que destaca pola súa beleza. O inmoble, que é propiedade do Concello, é un conxunto arquitectónico que forma parte do patrimonio cultural de Ames. Con todo, as parellas tamén poden solicitar celebrar a súa unión na Casa do Concello.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames oficiará once bodas civiles este verano"
El Correo Gallego: "Ames acollerá este ano a celebración de preto de 40 vodas civís"




