Pestanas principais

Ames acollerá a décimo segunda edición do festival de maxia do 23 ao 29 de outubro

Luns, 16 de outubro de 2017

[16-10-2017] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación do XII Festival de Maxia de Ames, que se vai desenvolver do 23 ao 29 de outubro nos centros de ensino e na Casa da Cultura do Milladoiro. Este ano como novidades haberá un espectáculo de maxia infantil para nenos/as de 0 a 3 anos e outro para rapaces e rapazas de 3 a 6 anos. Ademais, ao igual que o ano pasado haberá tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 450 persoas. Este festival está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais.


No acto de presentación estiveron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o representante de Abarajar Producciones, Javier Polo, que é a empresa encargada de desenvolver o festival, o director artístico do festival , Daniel Polo, e mailo mago Martín Varela que participará na Gala máxica internacional.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou “a consolidación deste festival que xa vai pola décimo segunda edición. Trátase dun evento que todos os anos ten moi boa acollida tanto nos centros escolares coma nos auditorios das centros socioculturais. Este ano o festival vaise a desenvolver integramente na Casa da Cultura do Milladoiro debido a que o auditorio de Bertamiráns estase reformando actualmente. Dende Ames queremos potenciar este tipo de espectáculos que teñen tanto éxito e animamos a que se aposte por esta disciplina artística”.

A programación deste ano dará comezo o luns 23 de outubro nos centros de ensino amesáns. Dende o 23 ata o 27 os colexios e institutos, que teñen alumnado de primeiro de infantil ata segundo da ESO, acollerán distintos espectáculos de pequeno formato, unipersoais a cargo dos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín.

Espectáculos de maxia infantil
As actividades do festival de maxia continúan o venres 27, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro cun espectáculo de maxia infantil, para nenos/as de 0 a 3 anos, a cargo do prestixioso mago Linaje. Esta é unha das principais novidades desta edición do festival. Para esta actividade o aforo limítase a 30 familias. O neno ou nena poderá acudir acompañado dun ou dous familiares. Trátase dun espectáculo moi próximo e participativo. Os nenos/as e acompañantes estarán encima do escenario co mago Linaje. Ademais, ás 18:30 horas, haberá outro espectáculo infantil de maxia, pero neste caso dirixido aos rapaces e rapazas de 3 a 6 anos. Neste caso o aforo será de 146 persoas, que son as butacas que ten o auditorio do Milladoiro.

Obradoiros de maxia
O sábado 28 e o domingo 29, en horario de 11:00 a 12:30 horas, impartiranse obradoiros de maxia a cargo dos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). É necesario inscribirse e pódese facer chamando ao número de teléfono 981 535 940, dende o día 23 ata o 27 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Durante a presentación, Daniel Polo, director artístico do festival, destacou “o gran nivel dos magos que van a actuar este ano en Ames. Na gala máxica estará o mago Linaje presentando porque soe haber moito público infantil. As actuacións que poderemos ver serán ofrecidas polo dúo Kybalion, que son especialistas en cambio rápido de roupa, Kiko Pastur, que foi campión do mundo, Román García, que é un mago moi creativo e novidoso, e Martín Varela, que fará grandes ilusións e números de gran formato nos que persoas aparecen e desaparecen”.

Ademais explicou que o mago Linaje será o encargado dos espectáculos infantís. “É un dos poucos magos que ofrecen este tipo de espectáculos polo que é un luxo poder contar con el aquí en Ames”. Por último, tamén indicou que “os magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín encargaranse de impartir os obradoiros de maxia e realizarán espectáculos de maxia nos centros de ensino”.

Gala Internacional de Maxia
A principal actividade do XII Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional. Haberá tres pases aos que poderán acudir preto de 450 persoas. Esta gala contará coa participación dos magos Román García, Linaje, Kiko Pastur, Martín Varela e mailo dúo Kybalion. Esta gala celebrarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O sábado haberá dúas funcións, a primeira ás 17:30 h e a segunda ás 20:30 horas, mentres que o domingo realizarase unha única función, ás 18:00 horas. Hai un aforo limitado de 146 butacas por función.

As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como aos espectáculos de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal. As entrada xeral ten un prezo de 4 euros para maiores de 18 anos. Aplícase unha redución do 50% para maiores de 65 anos e estudantes con carné.

As entradas pódense adquirir en liña a través da Billeteira electrónica ou na billeteira da Casa da Cultura do Milladoiro unha hora antes do comezo da función. Poderanse adquirir como máximo catro entradas por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal


Contido relacionado


Lindeiros: "Segunda edición do festival de maxia de Ames"
El Correo Gallego: "Vuelve a Ames el Festival de Maxia del día 23 al 29"
Ames Go: "Ames acollerá a décimo segunda edición do Festival de Maxia do 23 ao 29 de outubro"