Pestanas principais

Ames acollerá a cuarta edición do Depor Campus do 8 ao 12 de xullo

Venres, 21 de xuño de 2019

Esta mañá presentouse a cuarta edición do Depor Campus de fútbol de Bertamiráns. A presentación, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, correu a cargo do alcalde, José Miñones, da concelleira de Deportes, Susana Señorís, o director dos Depor Campus, Pablo Barros, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. O Depor Campus, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos, desenvolveranse entre os días 8 e 12 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. As inscricións poderanse realizar ata o 4 de xullo.

Por cuarto ano consecutivo Ames acolle o Depor Campus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O Depor Campus terá lugar entre os días 8 e 12 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. No Depor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles un equipamento consistente nun pantalón, unha camiseta e unhas medias.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “a través deste campus foméntase a práctica do deporte e póñense en valor o respecto, a amizade, o traballo en quipo, etc. Esta actividade está avalada por grandes profesionais que traballan na categorías de base do RC Deportivo. Ademais, trátase dun campus que lle permite aos pais e nais conciliar a vida familiar e laboral durante a época estival”.

Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestrarán tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Non se descoidará a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogaranse partidos, traballaranse situacións básicas de aprendizaxe, rondos básicos e xogos de posición. Ademais, o RC Deportivo quere continuar a labor de transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día.

O director dos Depor Campus, Pablo Barros, explicou a metodoloxía que se segue no Depor Campus “no que se aposta pola aprendizaxe pero baseada na diversión. Deste xeito, introduciranse actividades lúdicas de piscina. Traballarase cos participantes en grupos reducidos, divididos por idades e niveis, para que melloren diferentes aspectos técnicos e tácticos. Ademais traballarán diversos conceptos individuais e de equipo. Este ano volverase a repetir a experiencia do ano pasado e varios rapaces ou rapazas terán a oportunidade de adestrar coas categorías inferiores do RC Deportivo”.

Adestramento coas categorías inferiores do RC Deportivo
Este campus tamén inclúe actividades lúdicas como a piscina. Ademais, este ano incrementarase o número de nenos e nenas que acudan á cidade deportiva do RC Deportivo para participar  nun adestramento coas categorías inferiores do RC Deportivo. No campus do pasado ano foron 3 nenos/as, pero este ano aumentarase dita cifra para que poidan acudir unha tarde a cidade deportiva de Abegondo. Ademais, os nenos e nenas que participen neste campus disporán dunha invitación para ver no estadio Abanca-Riazor un partido de fútbol da próxima temporada.   

Por último, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, dixo que “dentro do convenio que ten subscrito o Bertamiráns FC co RC Deportivo da Coruña enmárcase a organización desta cuarta edición do Depor Campus que se desenvolverá  durante a segunda semana de xullo. Agora a nosa función será colaborar nos aspectos loxísticos e promocionar esta actividade entre os rapaces e rapaza de Bertamiráns e da comarca para que sexa un éxito de participación”.

O alcalde de Ames, José Miñones, pechou a quenda de intervencións agradecendo a implicación do Bertamiráns FC “porque estes campus realízanse gracias a implicación dos clubs. Dende o Concello o que facemos é prestar apoio e colaboración cedendo as instalacións municipais e promocionando dita actividade. Temos o orgullo de ser o concello máis novo de Galicia, e como non podía ser doutro xeito, o campus do RC Deportivo debe impartirse no noso municipio por cuarto ano consecutivo”.  
 
Trámites de matrícula
Para inscribirse no Depor Campus de Bertamiráns é preciso entrar en http://deporcampus.rcdeportivo.es/. Premendo nesta ligazón xa accedes directamente á paxina web onde se tramitan as inscricións para o campus que se vai a realizar en Bertamiráns. O custe do campus é de 120 euros (tarifa xeral) e 100 euros con desconto. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do R.C. Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC e do RC Deportivo, familias con máis dun membro en paro, familias numerosas ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes.

O prezo da matrícula inclúe, ademais do equipamento (camiseta, pantalón e medias), un seguro de accidentes deportivos, almorzo (auga e froita), un diploma e o sorteo de agasallos. Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo deporcampus@rcdeportivo.es, nas páxinas web www.rcdeportivo.es - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 981 25 95 00.

Presentación da cuarta edición do DeporCampus

Multimedia

  • Presentación da cuarta edición do DeporCampus