Pestanas principais

Ames acolle a VI Xornada sobre igualdade e prevención da violencia de xénero

Xoves, 17 de novembro de 2016

[17-11-2016] Ao longo do día de hoxe a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a sexta xornada sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. A apertura institucional correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, da subdirectora xeral para o Tratamento da violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Belén Liste, e da deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco. Unhas 110 persoas participan nas tres charlas e na mesa de debate, que se celebran pola mañá, e nos catro obradoiros da tarde.

Charlas e mesa de debate para profesionais
As actividades da mañá comezaron coa charla A prevalencia do dereito á dignidade nas relacións humanas, a cargo da Valedora do Pobo, Milagros Otero, na que ofreceu un relatorio sobre a dignidade. De seguido, interveu a catedrática de Comunicación Audiovisual, directora cinematográfica, escritora e mestra na USC, Margarita Ledo, cunha charla denominada Xénero e política da representación: muller, violencia e poder. Tras un breve descanso tocoulle subir ao escenario do auditorio a Francisca Verdejo, xuíza titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 2 de Barcelona, para falar do tratamento penal da violencia de xénero: logros e retos.

O bloque da mañá pechouse cunha mesa de experiencias sobre o labor xudicial e a coordinación na atención da vítima. Neste debate participaron Ana Rodríguez, xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, Aránzazu San José, coordinadora da Fiscalía e Fiscal de Violencia de Xénero en Santiago de Compostela, e Patricia López, coordinadora da Quenda Especial de Violencia de Xénero do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Esta mesa estivo moderada por Belén Liste, subdirectora xeral para o Tratamento da violencia de Xénero da Xunta de Galicia. Ao remate, repartíronse os diplomas acreditativos entre as persoas participantes.

Obradoiros abertos á veciñanza en xeral
Para a tarde, os e as participantes puideron escoller dous dos catro obradoiros organizados. Na primeira parte, que se desenvolve entre as 16:00 e as 17:25 horas, houbo que elixir entre a opción A: Sexualidade e bo trato: estratexias para o benestar, impartido pola psicóloga sanitaria e sexóloga, Martina González, e a opción B: Regulación emocional e mindfulness: a atención plena, ofrecido por Susana Mosquera, psicóloga e experta en técnicas de xestión do estrés e da ansiedade.

Na segunda parte, que se desenvolve entre as 17:35 e as 19:00 horas, púidose asistir ao obradoiro A: Rosa ou azul?: Unha educación á marxe dos estereotipos de xénero, coa mestra e doutora en Filoloxía Inglesa pola UVI, Alba Alonso, ou a sesión B Como desenvolver a nosa autoconfianza: o liderado persoal, coa coach persoal e executiva, Patricia Rodríguez.

Nas anteriores edicións desta xornada incluíase un día a maiores no que participaba o alumnado dos centros públicos de educación secundaria. Desta volta decidiuse realizar as charlas nos propios centros, facéndoas coincidir co Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro.


O Concello de Ames celebra ao longo deste xoves, 17 de novembro, a sexta edición da xornada de igualdade e prevención da violencia de xénero. Dende a organización estiman que unhas 110 persoas (entre poñentes e participantes) participan neste evento municipal que se desenvolve en horario de mañá e tarde. A programación desta xornada recolle diferentes conferencias para profesionais e outras sesións destinadas á cidadanía en xeral, que están relacionadas coa igualdade de xénero.

A xornada foi aberta pola concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, que lle solicitou as diferentes administracións “dotar con máis medios aos concellos para poder seguir facendo atención, formación e sensibilización de calidade en prol da erradicación da violencia de xénero”. De seguido, deulle paso ao rexedor municipal que destacou a importancia de que “en Ames xa levamos seis anos apostando por estas xornadas sobre a igualdade. Nesta ocasión as actividades que se realizan teñen un dobre obxectivo: formar aos profesionais e promover a igualdade cun formato máis aberto que busca a participación da veciñanza”.

En representación da Deputación da Coruña interveu Ánxela Franco, que incidiu na necesidade “de que as administracións temos que poñer a disposición dos profesionais os recursos necesarios para poder desenvolver o voso traballo do mellor xeito posible”. Tamén destacou que “a violencia de xénero non é algo illado dunha área específica dos servizos sociais, senón que require dun traballo en conxunto. Dende a Deputación da Coruña estamos ao voso servizo e intentaremos mellorar as ferramentas que fallan”.

Por último, Belén Liste, en representación da Xunta de Galicia, felicitou ao Concello de Ames por ser un dos municipios galegos que se amosan máis comprometidos con esta problemática e animou ao goberno municipal e aos técnicos/as amesáns a seguir traballando porque segundo indicou “a violencia de xénero e unha clara mostra dunha sociedade desigual e patriarcal”.