[01-12-2016] Baixo o título de "Roteiro Maker" o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou para este venres, 2 de decembro, unha mostra de proxectos de innovación na que participan 11 empresas galegas que se caracterizan polo traballo de innovación que realizan nos seus proxectos. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 10:00 a 21:00 horas. Ademais, ás 20:00 horas, realizarase o acto de acendido do alumeado de Nadal.
Empresas participantes no "Roteiro Maker"
En dita mostra participarán 12 empresas: 7 varas, que ofrecerán bicicletas ecolóxicas de bambú feitas a man; Alicornio, empresa que ofrece servizos audiovisuais e procesado de datos técnicos en diversos formatos mediante o uso de plataformas voantes non tripuladas (drones); Arcade Pi, que porá na mostra máquinas de videoxogos feitas con Raspberry Pi, Escornabot, proxecto educativo que busca iniciar aos cativos no campo da robótica e a programación mediante a creación manual dun robot, e Factoría de Androides, que mostrará as súas esculturas de robots con aire retro e feitos con materiais de refugallo.
Por outra banda, a empresa Irmáns Vidal, dará a coñecer o traballo que realiza para a creación de esculturas interactivas con efecto 3D manual. Tamén participan as empresas Makergal, compañía de deseño e distribución de impresoras 3D feitas en Galicia; Mateo Mena, inventor de The hypercubes: sintetizadores analóxicos para facer música e electrónica de maneira manual e sen cables; Nacho Porto, que se centra na innovación tecnolóxica aplicada á cerámica: esculturas con usb, altavoces de cerámica para smartphones, etc; a Sociedade Xuvenil Galega de Química, que é un espazo de traballo de divulgación e valorización da investigación galega no eido da Química, da mocidade para a sociedade, e UvigoMotorsport, primeiro equipo de Formula Student de Galicia e que ten como obxectivo deseñar un monopraza apto para competir na presente temporada.
Asemade, a Casa escuela obradoiro Ana Rosa, que está situada nas Punxeiras Altas, pertencente á parroquia de Ortoño, presentará novos patróns e innovadores puntos que está aplicando a un arte tan tradicional e antigo como o do encaixe e bordado.
Acto de acendido do alumeado de Nadal
Ás 20:00 horas, desenvolverase o acto de acendido das luces de Nadal, unha decoración que o Concello manterá ata o día 6 de xaneiro. Este ano o alumeado contará con máis de 100 arcos e máis de 30 postes, que estarán colocados en farois e diferentes tipo de adornos en árbores e prazas. Neste evento participará o coro Son Elas, que lle porá un toque musical a este acto municipal co se dá por iniciado o período de Nadal no concello de Ames. Por último, ás 21:00 horas clausurarase o "Roteiro Maker".


O Concello de Ames organizou un "Roteiro Maker" para este venres 2 de decembro no Milladoiro. A xornada da mañá, de 10:00 a 14:00 horas, está orientada ás empresas, mentres que pola tarde está dirixido aos nenos/as e ao público en xeral. Ás 10:00h realizarase a apertura desta mostra. Unha hora máis tarde, ás 11:00 horas, impartirase a charla Reinventarse coas tecnoloxías do cambio, a cargo de Julio César González, presidente e investigador do Centro Científico Tecnolóxico de Investigación Aplicada Teaxul. As 12:00h haberá outra charla. Neste caso Eldara Rodríguez Cobo, responsable de innovación da empresa NanoGap do Milladoiro falará da Nanotecnoloxia na Industria. Unha vez rematadas estas charlas, de 13:00 a 14:00 horas, haberá tempo para desenvolver un networking.
Pola tarde, ás 16:30h realizarase un obradoiro de química, que está dirixido aos rapaces e rapazas de 10 anos en diante, e ás 18:30 horas, haberá outro obradoiro de electrónica, neste caso para nenos e nenas que teñan a partir de 6 anos. Estes obradoiros, que son de balde, serán impartidos pola empresa VermisLab. Previamente, este mércores 30 de novembro dous técnicos de VermisLab impartiron unhas charlas nos IES do Milladoiro e de Bertamiráns sobre a cultura maker e as novas tecnoloxías. O persoal desta empresa, Enrique Saavedra e Javier Vila, ex-alumno do IES de Bertamiráns, animaron aos preto de 200 rapaces e rapazas, que participaron nestas charlas, a acudir a esta interesante mostra.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames elige Milladoiro para el acto oficial de la campaña navideña"




