Pestanas principais

Ames acolle un curso de monitor de fútbol base organizado pola Federación Galega de Fútbol

Venres, 31 de outubro de 2014

[31-10-2014] O campo de fútbol municipal de Bertamiráns acolleu este venres pola mañá a presentación do curso federativo de monitor de fútbol base. Este evento deportivo, que está organizado pola Federación Galega de Fútbol, conta coa autorización da Real Federación Española de Fútbol, e coa colaboración do Concello de Ames. O alumnado que complete as 65 horas das que consta este curso obterá o diploma federativo de monitor de fútbol base. Esta actividade comezará o luns 17 de novembro e rematará o venres 3 de xaneiro de 2015. Ao acto de presentación asistiron, o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera Bastida, o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Quico Fernández Otero, e un vogal da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Luciano Pérez Castro. Premendo no enlace que está á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no curso de monitor de fútbol.

Características do curso
A través deste curso o alumnado completará a formación de monitor de fútbol base, mediante os ensinos dirixidos á obtención do diploma federativo. Este curso ten por finalidade proporcionarlle aos alumnos a formación que garanta a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver o seu labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, utilizando os medios materiais e humanos que dispón a Federación Galega de Fútbol.

Os alumnos que rematen o curso posuirán coñecementos xerais actualizados no referente ao adestramento do fútbol de base. Este diploma acredita ao alumnado para adestrar equipos federados ata a categoría de cadetes (excepto as ligas de división de honra cadete, liga galega cadete e liga galega infantil, onde será necesario a partir da tempada 2015/2016 o curso de nivel 1).

Para a obtención do diploma federativo é preciso a asistencia ao 80% das sesións presenciais. En caso de non aprobar unha ou máis materias, o alumnado poderá presentarse a exame nunha convocatoria extraordinaria fixada polo Centro Federativo convocante. Non se deberá abonar ningunha cantidade adicional por dereitos de exame.

Algúns dos contidos que se tratarán neste curso serán os conceptos de técnica (individual e colectiva); táctica (estratexias e sistemas); adestramento deportivo (preparación física); regras do xogo; medicina do deporte; psicoloxía aplicada; metodoloxía aplicada; dirección de equipos; e regulamentación deportiva (lei do deporte, real decreto de ensinanzas, regulamento federativo, cursos de adestradores, e titulacións de técnicos).

Ademais, a realización deste curso permite a obtención da especialidade: “Fútbol”, avalado pola Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol, que á súa vez permite a convalidación do bloque de prácticas a realizar cando efectúen o curso de nivel 1 “Federativo” de Instrutor de Fútbol Base.

O Concello de Ames colabora na organización do curso federativo de monitor de fútbol base. Esta actividade está organizada pola Federación Galega de Fútbol e conta coa autorización da Real Federación Española de Fútbol. Este curso consta de 65 horas lectivas que, unha vez superadas, permitiralle aos asistentes adestrar equipos federados ata a categoría de cadetes. As clases impartiranse dende o luns 17 de novembro ata o venres 3 de xaneiro de 2015, no Pazo da Peregrina e no campo de fútbol municipal de Bertamiráns.

É importante que o persoal dos clubs de fútbol realicen este curso e obteñan este diploma, xa que de cara a temporada 2015-2016, esixíraselle a todas as persoas unha titulación mínima para poder adestrar a un equipo de fútbol.

As persoas interesadas en inscribirse neste curso deberán ser maior de 16 anos. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 14 de novembro. Esta actividade ten un custo de 150 euros. Ofértanse un total de 35 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Para realizar a inscrición as persoas interesadas deberán presentar unha fotocopia do DNI (anverso e reverso); dúas fotografías tamaño carné (co nome por detrás); o impreso de matricula cuberto; e o xustificante de pago dos 150 euros.

Esta documentación deberase enviar á dirección de correo electrónico escuelagallega@gmail.com (neste caso entregaranse as fotografías o primeiro día de clase). Outra opción é enviar a documentación á dirección de correo postal: Escola Galega de Adestradores, Federación Galega de Fútbol, rúa Menéndez e Pelayo 18, 2º, 15005, A Coruña. Tamén se pode entregar a documentación na delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol.

Para obter máis información poden poñerse en contacto co departamento de Deportes do Concello de Ames, chamando ao número de teléfono 981 884 991, coa Federación Galega de Fútbol no número de teléfono 981 12 17 86, ou chamando á delegación de Santiago marcando o número de teléfono 981 58 17 55.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames programa un curso de monitor de fútbol con 35 plazas"