Pestanas principais

Ames acolle a terceira proba do Campionato Galego de Supercross 2011

Martes, 31 de maio de 2011

[31-05-2011] O circuíto de Brins será este sábado 4 de xuño escenario dunha das probas do Campionato Galego de Supercross. A Asociación Moto club Ameixenda en colaboración co Concello de Ames, é a encargada, unha vez máis, de organizar por noveno ano consecutivo o Gran Premio Concello de Ames. Esta é a terceira proba puntuable para o campionato autonómico desta especialidade na que competirán pilotos chegados de toda Galicia. Este ano adiantase a proba que se celebra en Ames xa que normalmente se realizaba durante o mes de xullo ou de agosto. Despois de pasar por Ames aínda quedarán cinco probas para o remate da tempada. Ás 9:00 horas comezarán as verificacións administrativas e os adestramentos libres e será ás 17:00 horas cando dean comezo as mangas oficiais.

O lugar escollido para realizar esta proba, o circuíto de Brins, abarca un área de dúas hectáreas e á cal se pode acceder pola estrada que une Santiago con Santa Comba, á altura do quilómetro sete. A espectacularidade do recorrido, que permite efectuar uns grans saltos, é famosa e requirida entre os pilotos. Para garantir a seguridade de todos os participantes haberá unha ambulancia mecanizada cun equipo médico.

Ao longo da mañá deberanse facer as verificacións administrativas e técnicas que precederán os adestramentos libres nas distintas categorías. Estes darán comezo ao redor das 11:00 h. e a continuación das mangas libres, realizarase outra quenda de adestramentos pero esta vez cronometrados. Unha vez rematada esta quenda celebrarase unha manga de consolación para os pilotos non clasificados. Esta carreira de consolación levarase a cabo no caso de ter un mínimo de oito pilotos non clasificados entre as categorías júnior, sénior, veteranos e promoción que competirán xuntos.

Despois de xantar, ás 17:00 horas, comezarán as diversas carreiras por categorías. O público terá a oportunidade de gozar dos saltos dos mellores pilotos galegos que practican esta modalidade de motociclismo. Este Gran Premio estará dividido nun total de sete categorías: alevín, xuvenil, cadete, promoción, veteranos, júnior e sénior, sendo esta última a raíña das categorías ao contar cos pilotos máis rápidos da modalidade.

A loita por ser o mellor da súa categoría verase recompensada coa entrega de trofeos ás 20:00 horas. Os premiados serán os tres primeiros clasificados de cada categoría e os cinco primeiros da categoría sénior. Indubidablemente o circuíto de Brins estará cheo da emoción das competicións e de paixón polo motocross unha vez máis este sábado 4 de xuño. Unha ocasión perfecta para gozar do espectáculo que sempre rodea a este circuíto.

Detrás desta proba está o Moto club Ameixenda que foi creado no ano 1999 por unha agrupación de motociclistas amigos que compartían o amor cara este deporte. O que comezou como un desexo de fomentar esta actividade no ámbito da parroquia, rematou por traspasar as súas fronteiras. Así nace esta asociación, a través da cal se celebra un campionato anual de Supercross que conta co Concello de Ames cun dos seus patrocinadores máis importantes e que forma parte das probas puntuables celebradas ao longo do ano de cara ao Campionato Galego de Supercross.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames acoge la tercera prueba del Campeonato Gallego de Supercrós"