[01-01-2016] A Revista do Fútbol Feminino Galego, en colaboración co Concello de Ames e a participación do F.C. Meigas, organiza a III Gala do fútbol feminino galego. A cita será este sábado, 2 de xaneiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste momento están confirmadas, entre premiadas/os e acompañantes, un mínimo de 90 persoas para acudir á Gala. O premio de mellor xogadora galega da temporada 2014-2015 será para Verónica Boquete Giadáns “Vero” polo papel desenvolvido no FFC Frankfurt, co que gañou a Liga de Campións en 2015, e por ser a primeira xogadora galega de fútbol en disputar un Mundial.
Lugo e Tomiño foron as sedes da primeira e segunda edición da Gala do fútbol feminino galego. Agora o concello de Ames, e concretamente o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, terán a honra de acoller este sábado, 2 de xaneiro, a terceira edición desta Gala, onde se premian as mellores futbolistas galegas, despois das conversas mantidas meses atrás polo alcalde de Ames e os representantes da Federación e do club Meigas de Ames.
Segundo explican dende a organización do evento “barallamos varias opcións para elixir a sede desta gala, pero houbo varios aspectos que nos chamaron a atención para elixir ao concello de Ames como a mellor de todas as opcións. Tiñamos unha referencia do éxito da Gala que organizara hai dous anos a asociación das Mulleres Deportistas Galegas en Ames, pero tamén foi fundamental a mediación do FC Meigas e o seu coordinador, Diego Montero”.
“Vimos que en Ames estanse a facer as cousas de cara a unha poboación maioritariamente nova. Este Concello é moi dinámico e, o máis importante, quere posicionarse para ser un referente, a nivel global, do deporte feminino galego. Atopámonos a un alcalde, á vez concelleiro de deportes, cunha visión moi clara como poucos e entendemos que Ames é o espazo ideal non só para esta Gala, senón para futuros eventos ou calquera outra actividade relacionada co deporte”, indican dende a organización.
Por outra banda o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “o novo goberno de Ames apostou dende o inicio polo deporte feminino e non podíamos deixar pasar unha oportunidade como esta. A práctica deportiva no noso concello vai a máis, e non hai mellor riqueza que esta. É por iso que o deporte será un referente nas nosas políticas, e o deporte feminino máis aínda. Aínda estou coa esperanza de que Ames sexa a sede da gala do deporte feminino de toda Galicia, pola que loitaremos esperando poder estar á altura".
Premio á mellor xogadora galega da temporada
En relación aos contidos do evento, o máis salientable é a creación do premio á mellor xogadora galega da temporada, que neste caso vai ser entregado a Vero Boquete por feitos tan importantes como ser campioa de Europa co equipo alemá do FFC Frankfurt e ser a primeira xogadora galega da historia en disputar un Mundial de fútbol feminino.
A Gala ten dous referentes mundiais. A citada Vero Boquete e a premiada co trofeo á mellor colexiada galega do ano, que recae en Yolanda Parga Rodríguez. A coruñesa, que pertence ao Colexio madrileño, actuou como asistenta na final da pasada Copa do Mundo de Canadá.
Como noutros anos, tres premios gardan o suspense ata o derradeiro instante, os de mellores xogadoras galegas de Segunda española e Primeira Galega, e o de mellor técnico galego da temporada. Estes premios daranse a coñecer na propia Gala segundo os resultados das votacións realizadas por técnicos e xogadoras representativas dos equipos.
Outros premios como o de mellor equipo galego 2014/15 é para El Olivo; o galardón do equipo galego máis deportivo recae no C.D. Conxo; e o premio a unha traxectoria é para María Inmaculada Matilde Castañón González “Inma”. Estes serán só algúns dos premios que se entregarán na III Gala do fútbol feminino galego.




