Pestanas principais

Ames acolle a segunda proba do circuíto Barbanza de volei praia con 63 parellas anotadas

Venres, 08 de xullo de 2016

[08-07-2016] Esta fin de semana Bertamiráns acolle, por primeira vez e grazas a participación do CV Bruxas e a colaboración do Concello de Ames, a segunda proba do circuíto Barbanza de volei praia. O torneo, no que participan as categorías sub-15, sub-17, sub-19 e sénior xogarase o sábado e o domingo, no parque do río Ameneiral. Neste torneo participarán 63 parellas, algunhas das cales xogan no CV Bruxas de Ames.


Ao longo desta fin de semana Ames acollerá a segunda proba do circuíto Barbanza de volei praia. O presidente do Club Voleibol Bruxas, Fernando Lizuaín, móstrase satisfeito ao anunciar que no torneo participarán un total 63 parellas; 126 deportistas. 16 delas competirán na categoría sub-15, outras 16 na sub-17 e 31 na categoría sénior. Entre os nomes das persoas inscritas figuran os de 10 deportistas do propio CV Bruxas.

Os partidos celebraranse nos areeiros municipais do parque do río Ameneiral, situado en Bertamiráns. O sábado desenvolverase unha xornada completa: entre as 10:00 e as 21:00 horas. A primeira hora comezarán os partidos das categorías sub-15, sub-17 e sénior, tanto masculinas como femininas. Xa pola tarde, as parellas da categoría sub-15 competirán na final e as de sénior enfrontaranse nas previas. Continuarán as semifinais e os cuartos de finais durante a mañá do domingo e, xa á tarde, decidiranse as parellas gañadoras das categorías sub-17 e sénior nas finais.

Este torneo enmárcase dentro dun circuíto máis amplo con torneos que se disputarán en Ames, en Boiro e na Pobra do Caramiñal. Cada unha destas fases teranse en conta para a proclamación das parellas campioas do circuíto e a entrega de trofeos. Ademais, en cada un destes torneos entregaranse premios aos e ás deportistas cos mellores resultados.

O Concello colaborará activamente no campionato coa posta a disposición dos campos, duchas, lavabos, acondicionamento e carpas para os participantes. Para o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, "esta é unha boa ocasión para reivindicar unha vez máis a aposta polo deporte e a actividade física ao aire libre. Dende o Concello animamos a todos os veciños e veciñas a achegarse a este entorno natural e gozar do deporte de volei praia. Agradecemos á directiva do CV Bruxas a súa implicación neste tipo de iniciativas".