[08-05-2012] O circuíto de Brins será este domingo 13 de maio escenario dunha das probas do Campionato Galego de Supercross. A Asociación Moto club Ameixenda en colaboración co Concello de Ames, é a encargada, unha vez máis, de organizar por duodécimo ano consecutivo o Gran Premio Concello de Ames. Esta é a segunda proba puntuable para o campionato autonómico desta especialidade na que competirán pilotos chegados de toda Galicia. Este ano adiantase a proba que se celebra en Ames xa que normalmente se realizaba durante os meses de verán. Despois de pasar por Ames aínda quedarán outras dúas probas antes do remate da tempada. Ás 9:00 horas comezarán as verificacións administrativas e os adestramentos libres e será ás 16:30 horas cando dean comezo as mangas oficiais.
O Moto club Ameixenda organiza este domingo 13 de maio o Gran Premio Concello de Ames Brins 2012. Trátase da segunda proba puntuable para o Campionato Galego de Supercross que se desenvolverá no circuíto de Brins e que conta cunha superficie de 20.000 metros cadrados e cun amplo aparcadoiro e dez mil metros cadrados. Para chegar ao circuíto pódese acceder pola estrada DP 0701, á altura do quilómetro catro. A espectacularidade do percorrido, que permite efectuar uns grans saltos, é famosa e requirida entre os pilotos.
Nesta proba están inscritos 71 pilotos de toda Galicia. Na categoría sénior-júnior hai inscritos 16 pilotos; na categoría promesas apuntáronse 12 persoas; na categoría alevín inscribíronse 16 nenos/as; na categoría afeccionados (antes promoción) participarán 20 pilotos; e na categoría veteranos están inscritas 7 persoas.
Nesta proba participan os mellores pilotos de Supercross de toda Galicia, podendo destacar entre eles a Rubén Fernández García, campión de España de Motocross en 2011 na categoría promesas, Ricardo Costas, campión de España de Motocross en 2011 na categoría sénior-júnior, e os pilotos do Moto club Ameixenda; José Manuel García Moure, segundo clasificado na categoría de veteranos do Campionato Galego de Supercross 2011, Santiago Giance, que compite na categoría de veteranos, e Francisco Vidal, que participa na categoría de afeccionados.
Horarios do Gran Premio de Supercross Concello de Ames
A proba comezará as 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, continuando cos adestramentos libres o longo de toda a mañá, onde os pilotos tomarán contacto co circuíto de Brins. Despois de xantar, ás 16:30 horas, comezarán as diversas carreiras por categorías. Haberá dúas mangas por categoría polo que se poderá ver un total de 10 carreiras. O público terá a oportunidade de gozar dos saltos dos mellores pilotos galegos que practican esta modalidade de motociclismo. Finalmente, a partir das 19:30 horas realizarase a entrega de premios.
Con esta proba o Moto club Ameixenda vai pola súa duodécima edición, e convértese no único moto club de Galicia que leva 12 probas consecutivas. Segundo manifestan dende o propio moto club “isto é posible grazas á colaboración do Concello de Ames e de moitas empresas particulares e entidades oficiais”. Para calquera consulta ou aclaración sobre o desenvolvemento do Gran Premio Concello de Ames Brins 2012 pódense poñer en contacto con José Manuel García Moure, presidente da Asociación Moto club Ameixenda, chamando ao número de teléfono 629 717 275.
Detrás desta proba está o Moto Club Ameixenda, unha asociación creado no ano 1999 por unha agrupación de motociclistas amigos que compartían o amor a este deporte. O que comezou como un desexo de fomentar esta actividade no ámbito da parroquia rematou por traspasar fronteiras. Así nace esta entidade, a través da cal se celebra un campionato anual de Supercross que conta co Concello de Ames cun dos seus patrocinadores máis importantes e que forma parte das probas puntuables celebradas ao longo do Campionato Galego de Supercross.




