Pestanas principais

Ames acolle a segunda edición do Depor Campus do 3 ao 14 de xullo

Martes, 02 de maio de 2017

[02-05-2017] Esta mañá presentouse a segunda edición do Dépor Campus de fútbol de Bertamiráns. A presentación, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, o director dos Depor Campus, José Barcala, o coordinador do Depor Campus de Bertamiráns, Pablo Barros, o ex-xogador do RC Deportivo, Manuel Pablo, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. O Dépor Campus desenvolveranse en dúas quendas entre os días 3 e 14 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Poden participar nenas e nenos de entre 6 e 14 anos.

Por segundo ano consecutivo Ames acolle o Dépor Campus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O Dépor Campus terá lugar entre os días 3 e 14 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. O campus dividirase en dúas quendas, a primeira do luns 3 ao venres 7 de xullo, e a segunda do luns 10 ao venres 14. Os rapaces e rapazas poderán participar unha semana ou as dúas semanas das que consta o campus. Ambas quendas terán un horario de 10:00 a 14:00 horas. No Dépor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do RC Deportivo conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles un equipamento consistente nun pantalón e unha camiseta.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou “a importancia de realizar este tipo de actividades durante os meses de verán. A primeira edición deste campus foi un éxito polo que seguramente este ano volvan a inscribirse un gran número de nenos e nenas de Ames. Aínda que no noso concello se practican unha gran variedade de deportes, o fútbol segue a ser a modalidade deportiva con máis participantes e con maior número de fichas federativas polo que temos que seguir apostando por estes campus que combinan aspectos formativos con outros lúdicos”. Por último, Miñones tamén animou ao RC Deportivo a organizar un clínic máis específico para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos xa que moitos dos mozos/as que teñen estas idades deixan o deporte.

Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestrarán tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Non se descoidará a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogaranse partidos, traballaranse situacións básicas de aprendizaxe, rondos básicos e xogos de posición. Ademais, o Deportivo FC quere continuar a labor de transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día.

O director dos Depor Campus, José Barcala, explicou a metodoloxía que se segue no Depor Campus “no que se aposta pola aprendizaxe pero baseada na diversión. O noso obxectivo é que os nenos e nenas dende pequenos teñan unha gran paixón por xogar o fútbol e iso lle perdure o resto das súas vidas para que non deixen nunca de practicar deporte. Deste xeito, traballarase cos participantes en grupos reducidos para que melloren diferentes aspectos técnicos e tácticos. Ademais traballarán diversos conceptos individuais e de equipo”.

Trámites de matrícula
Para inscribirse no Dépor Campus de Bertamiráns é preciso entrar en www.deporcampus.rcdeportivo.es. Este ano como novidade todas as inscricións faranse a través desta plataforma web. O custe do campus é de 120 euros -100 con desconto- para unha semana e de 220 euros -180 euros con desconto- por dúas semanas. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do RC Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC, familias con dous membros en paro ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes.

O prezo da matrícula inclúe, ademais do equipamento (camiseta e pantalón), un seguro de accidentes deportivos, almorzo (auga e froita), un diploma e o sorteo de agasallos. Outra das novidades desta edición é que o prezo de matrícula inclúe unha entrada para o trofeo Teresa Herrera (por neno/a) que disputará durante a pretemporada o RC Deportivo. Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo deporcampus@rcdeportivo.es, nas páxinas web www.rcdeportivo.es - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 981 25 95 00.