Pestanas principais

Ames acolle a representación da obra de teatro “Contos arraianos” este venres, 10 de febreiro

Martes, 07 de febreiro de 2023

A programación de Ames Cultural continúa no mes de febreiro coa obra de teatro “Contos arraianos”, que terá lugar este venres, 10 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. Esta representación, ofrecida por Sarabela Teatro, enmárcase dentro do convenio asinado entre o Concello de Ames e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). As entradas xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica do Concello. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural ao completo para o primeiro semestre de 2023

“Contos arraianos”, de Xosé Luís Méndez Ferrín, é unha das obras fundamentais da literatura galega. Trátase dunha suma de relatos que buscan estremecer e facer reflexionar. Así mesmo, propicia un tránsito polo erotismo, o misterio, a miseria e a grandeza da alma e da vida. Nela retrátase un microcosmos rural de marxe e de fronteira, construído nos lindes da realidade e da fantasía. A historia recibiu o Premio da Crítica galega, o Premio da Crítica española e o Premio Lousada Diéguez en 1992.

A obra relata como uns rapaces van mocear con dúas irmás xemelgas de apariencia saudable e bela. Paralelamente, dúas testemuñas transmiten as súas emocións e perspectivas dos acontecementos. A promesa de namoro dun comezo muda a unha historia arrepiante: os mozos comezan a aldraxar ás súas acompañantes, utilizándoas para o seu pracer ou para facer moca delas. A relación xira sobre o placer sexual e sobre a burla, nunca sobre a igualdade. Os rapaces, finalmente, caen nunha maldición circular e son engulidos pola noite de brétema.

Sarabela Teatro busca, coa súa representación, aflorar unha compoñente fantástica dentro da historia, na que se manifesta unha dupla moral. Xógase cunha variedade de técnicas, voces e perspectivas dramáticas. Nun universo que entronca coas antigas lendas de meigas, pásase da fascinación das palabras ás imaxes en branco e negro. Nárrase unha historia turbadora, nun mundo de posuídos e males de ollo, con gran ritmo e movementos minimais e xeométricos.

As entradas para a representación poden adquirirse por cinco euros a través da Billeteira electrónica do Concello, ou ben na Casa da Cultura do Milladoiro, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poden beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada. Rógase aos espectadores puntualidade.

Elenco e dirección
Á fronte da obra está Ánxeles Cuña Bóveda. Mestra de formación, Cuña Bóveda estudou tamén na Escola de Expresión de Barcelona, e ao longo da súa traxectoria profesional leva dirixidos máis de cincuenta espectáculos, entre os que salientan “O lapis do carpinteiro” (2000), “Pequenas certezas” (2014) ou “Ensaio sobre a cegueira” (2015). Así mesmo, ten recibido numerosos galardóns pola súa labor, como varios premios María Casares á mellor dirección e mellor texto en distintas obras; ou o Premio FETÉN á mellor dirección, espectáculo e texto orixinal por “Tics”. O elenco complétano Fina Calleja, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Sabela Lago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yukhnevich.

Cartaz da obra "Contos arraianos"

Multimedia

  • Ames acolle a representación da obra de teatro “Contos arraianos” este venres, 10 de febreiro