Pestanas principais

Ames acolle a primeira feira de desenvolvemento local 2015 “A forza do local”

Sábado, 28 de novembro de 2015

[28-11-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o deputado de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luís García, e a presidenta de Afiprodel-Galicia, María Dolores Pena, foron os encargados de inaugurar a primeira edición da feira de desenvolvemento local 2015 “A forza do local”. Esta iniciativa que se desenvolverá ao longo de toda a xornada no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, está promovida pola Asociación Galega de Profesionais do Ámbito Local (Afiprodel) e busca poñer en conxunto distintas experiencias de empresas e iniciativas de ámbito local.

No acto de inauguración o alcalde de Ames, José Miñones, doulle as gracias á presidenta de Afiprodel-Galicia, María Dolores Pena, por ter escollido Ames para desenvolver esta iniciativa. Miñones reivindicou “o papel da implantación das políticas de emprego e de desenvolvemento con capacidade autónoma financeira necesaria para poder levar a cabo nos Concellos. A pesar de non ter as competencias delegadas en materia de emprego si hai moitas cousas que dende aquí podemos facer e debemos facelas. Será necesario aplicar políticas coa diagnose e unha aplicación adaptada a esas necesidades detectadas”.

Ademais, incidiu en que “os programas integrados para o emprego cremos que son unha boa estratexia a ter en conta e que deben ser priorizados polos seus resultados. Non debemos quedarnos só nisto e será necesario seguir sendo imaxinativos, e sobre todo, coordinados nos diferentes territorios, de aí que unha feira como a que aquí hoxe se presenta sexa todo un acerto necesario que debe contar con continuidade nos vindeiros anos”. O rexedor municipal acabou a súa intervención apostando “pola forza do local”, tal e como indica o lema desta feira.

Esta iniciativa comezou este venres, 27 de novembro, no Hotel Balneario Compostela, no que se desenvolveu un encontro de profesionais de desenvolvemento local. Neste encontro participaron tres membros dos sindicatos CCOO, UGT e CIG, así como Emilio González de Afiprodel-Galicia, que foi o encargado de presentar este encontro.

As actividades desta Feira continúan ao longo de toda a xornada de hoxe no edifico e nos exteriores do Pazo da Peregrina. Ao longo do día sucederanse diferentes charlas e mesas redondas onte intervirán representantes políticos, empresarios, e expertos nesta materia. Ademais, de forma paralela hai unha exposición e unha feira para toda a cidadanía que se queira achegar.

Intervención de representantes políticos, empresarios e expertos
Deste xeito, nesta Feira intervirán o deputado de Promoción Económica e Emprego da Coruña, José Luís García, o deputado provincial de Innovación, Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Francisco Javier Dios, o economista, xeógrafo e director da Oficina Técnica de estratexias para o desenvolvemento económico da Deputación de Barcelona, Oriol Estela Barnet, a responsable da área de Promoción Económica do Concello de Santiago, Carmen Casado, e os alcaldes de Abegondo, José Antonio Santiso, e de San Sadurniño, Secundino García, entre outras persoas.

A través desta iniciativa preténdese promocionar o desenvolvemento do local a través de iniciativas privadas e co apoio institucional. As xornadas técnicas rematarán ás 19:40 horas, coa intervención de María Dolores Pena, a concelleira de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González, e o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García.

Os visitantes que acudan ao Pazo da Peregrina tamén poden participar en distintas actividades que se levarán a cabo en catro carpas instaladas ao carón do edificio. Degustación de produtos locais, obradoiros de gravado ou calceta sen agulla e demostracións de artesáns de Buño ou do Couto terán lugar en distintos horarios de mañá e tarde. Nesta Feira tamén participan a rede de restauradores pola conservación do mar Restauramar, o programa Activa Combarro: Horta e Mar ou a cooperativa de traballo asociado Medatlandica entre outros.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las empresas ponen en común sus experiencias en la feria «A forza do local»"
El Correo Gallego: "Los concellos reclaman más planes integrales de empleo"