[11-06-2014] O concello de Ames acollerá por primeira vez un campus de verán organizado pola Fundación Atlético de Madrid, que se desenvolverá entre o 7 e o 12 de xullo nas instalacións deportivas de Bertamiráns. Este mércores pola mañá, no Pazo da Peregrina, celebrouse a rolda de prensa de presentación deste evento deportivo. Nesta presentación participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, os coordinadores deportivos da Fundación Atlético de Madrid, Manuel Sánchez Delgado e Carlos Sánchez Aguiar, o coordinador da zona de Galicia da Fundación Atlético de Madrid, Héctor Antelo, así como representantes de cada un dos concellos que colaboran neste proxecto. Ademais, de celebrar este evento en Ames, durante o mes de xullo celebraranse outros tres campus de verán nos concellos de Santiago de Compostela, Dumbría e Sanxenxo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.

Rolda de intervencións
O encargado de abrir a quenda de intervencións foi Manuel Sánchez Delgado, ex-xogador internacional, que explicou “este campus está aberto a todos os rapaces e rapazas de 4 a 17 anos que desexen participar. Temos varias escolas repartidas por moitos lugares do mundo e agora apostamos por realizar este campus en catro concellos de Galicia. Os rapaces e rapazas recibirán unha ampla formación e perfeccionarán algúns aspectos técnicos do fútbol, así como participarán en diferentes actividades de ocio e educativas”.
A continuación interviu, Carlos Sánchez Aguiar, ex-adestrador do Club Atlético de Madrid, que destacou “os rapaces e rapazas que participen neste actividade terán a ocasión de aprender como se traballa nun equipo profesional, pero de forma relaxada e nun ambiente de divertimento. Agardamos que o vindeiro ano a Fundación Atlético de Madrid poida incrementar a súa presencia en Galicia e se poida organizar este mesmo campus, pero en 12 localidades galegas diferentes”.
O encargado de pechar o acto foi o alcalde de Ames, Santiago Amor, que lle dou as grazas á Fundación Atlético de Madrid por confiar no Concello de Ames para organizar este evento deportivo. O rexedor municipal incidiu en que “Ames dispón de dous clubs, o Bertamiráns FC e o Milladoiro SD, que realizan un gran traballo de base coas categorías inferiores”. “Quero animar a todos os nenos e nenas de Ames e dos concellos limítrofes a que participen nesta campus de verán”, rematou dicindo Santiago Amor.
Programa de adestramento
O programa de adestramentos do campus de verán de Ames comezará ás 9:30 horas coa apertura das instalacións ao alumnado. Media hora despois farase a presentación e a formación de grupos para darlle paso ao adestramento técnico individual e colectivo. Ás 11:30 haberá un descanso para repoñer forzas almorzando algo. De seguido, entre as 12:00 e as 13:30 horas continuarase co adestramento técnico individual e colectivo. De 13:30 a 15:00 haberá tempo para comer. Unha vez rematada a comida os participante participarán en diferentes actividades como visitas, actividades complementarias (piscina e outros deportes), charlas formativas e visionado de vídeos. Por último, entre as 16:30 e as 18:00 horas os usuarios/as participarán en diferentes competicións individuais e colectivas.
O prezo xeral deste campus é de 240 euros, pero haberá descontos para os nenos/as que están empadroados nos concellos colaboradores (como é o caso do Concello de Ames), para os alumnos/as das escolas de tecnificación, os socios/as da Fundación Atlético de Madrid, e para as familias numerosas. Os rapaces e rapazas que participen nesta actividade serán obsequiados cun equipamento da Fundación do Atlético de Madrid, un diploma acreditativo, un informe coa correspondente valoración técnica e antropométrica e cunha foto de recordo.
O xornalista, Terio Carrera, exerceu esta mañá de mestre de cerimonias para presentar o campus de verán que organiza a Fundación Atlético de Madrid no concello de Ames, que se desenvolverá entre o 7 e o 12 de xullo nas instalacións deportivas de Bertamiráns. Ademais, celebrarase outros tres campus máis en Santiago de Compostela (do 30 de xuño ao 5 de xullo); en Dumbría (do 14 ao 19 de xullo); e en Sanxenxo (do 21 ao 26 de xullo).
Trátase dun evento que está dirixido a nenos de 4 a 17 anos. Estes campamentos están deseñados para mellorar as cualidades deportivas dos nenos/as que participan neles. Ao mesmo tempo os usuarios/as gozarán das súas vacacións e vivirán unha experiencia inesquecible. A Fundación Atlético de Madrid desenvolve programas axustados á idade de casa usuario/a nos que se mesturan actividades lúdicas e educativas en ambientes dinámicos e participativos.
O equipo técnico que traballa cos rapaces e rapazas nestes campamentos está composto por adestrados e olleadores de primeiro nivel, que son expertos na formación de xóvenes deportistas. Os coordinadores deportivos da Fundación Atlético de Madrid son Manuel Sánchez Delgado e Carlos Sánchez Aguiar (ex-xogador internacional e ex-adestrador do Club Atlético de Madrid, respectivamente). Os adestradores traballarán cos usuarios/as diferentes aspectos técnicos adaptados á idade de cada participante. Dentro da formación técnica deportiva haberá un apartado específico para os porteiros.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La Fundación del Atlético llevará a cabo cuatro Campus en Galicia"




