Pestanas principais

Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana

Xoves, 20 de outubro de 2022

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen este venres, sábado e domingo o XVII Festival internacional de Maxia de Ames. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Ata o de agora vendéronse arredor de 750 entradas. Este ano como novidade inclúese na programación unha gala de novos talentos da maxia para a que xa están esgotadas as entradas. Quedan entradas dispoñibles para a gala máxica infantil e para as catro sesións da gala máxica internacional. Tamén queda algunha praza dispoñible para os obradoiros de maxia. As entradas pódense adquirir na Billeteira electrónica.

Volve un ano máis o Festival internacional de Maxia de Ames. Durante esta semana o concello de Ames converterase no epicentro da maxia en Galicia. A programación do FestiMax está composto por catro grandes espectáculos que se van a realizar os días 21, 22 e 23 de outubro. Preme nesta ligazón para descargar o programa do festival de maxia.

As actividades comezan mañá, 21 de outubro, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa Gala máxica infantil. Para esta actividade quedan 37 entradas dispoñibles que se poden adquirir na Billeteira electrónica. O mago inglés Cliff The Magician presentará o espectáculo Magical Mistery Tour. Este mago é especialista en realizar espectáculos para os máis cativos e cativas. Conta cunha longa traxectoria levando a súa maxia a diferentes teatros e centros educativos de diferentes países.

Tamén este venres, 21 de outubro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro desenvolverase o que será a principal novidade desta edición do festival de maxia. Trátase da Gala de novos talentos da maxia, que estará presentada polo mago Rafa e na que participarán Magic Mateo, Mago Iago, El Grand Na, Maga Aldara e Mago Alvart. Para este espectáculo esgotáronse todos os convites.

Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 22 de outubro, o mago David Maestro impartirá un taller de maxia na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11.00h e a segunda a continuación ás 12.00 horas. Para a sesión das 12.00 horas queda 1 praza dispoñible.

O domingo 23 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido polo mago David Maestro en dúas sesións, ás 11.00 e ás 12.00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un. Neste caso, quedan 5 prazas libres para o obradoiro das 11.00 horas. De momento, hai 42 nenos e nenas inscritos/as nos obradoiros de maxia.

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal. En dito correo hai que poñer o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto.

Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional farase tamén o sábado 22 e mailo domingo 23 de outubro. Como nos últimos anos haberá catro pases debido á gran demanda que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago Murphy de Madrid e participarán os magos Dani Polo (Galicia), Lore Lavand (Arxentina), Enric Magoo (Cataluña) e Hyun Joon Kim (Korea), que é un dos mellores magos na súa disciplina a nivel mundial.

Así, o sábado 22 realizarase o espectáculo Isto é maxia na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o domingo 23 de outubro desenvolverase o espectáculo Agora Maxia, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ambos días a primeira función será ás 17.00h e a segunda ás 20.00 horas.

Para a Gala máxica internacional quedan algunhas butacas dispoñibles. Deste xeito, no Milladoiro quedan 24 entradas para a sesión das 17.00 horas e 12 para a sesión das 20.00 horas. Por outra banda, en Bertamiráns quedan 21 prazas libres para a sesión das 17.00 horas e 30 para a sesión das 20.00 horas. A venda de entradas faise a través da Billeteira electrónica.

Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Dá comezo o Festimax ca Gala máxica para os nenos"

 

Lindeiros: "XVII Festival internacional FestiMax en Ames"

 

 

Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana

Multimedia

  • Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana
  • Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana
  • Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana
  • Ames acolle o XVII Festival internacional de Maxia “FestiMax” durante esta fin de semana
  • Embedded thumbnail for