Pestanas principais

Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña

Xoves, 19 de outubro de 2023

O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu a quinta edición do Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña. A apertura institucional estivo presidida polo alcalde de Ames, Blas García, a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Durante o encontro realizouse a presentación do Ames AV Lab e unha visita guiada polo espazo A Proa. Realizouse unha mesa redonda na que se expuxo a situación de cada un dos espazos de traballo por parte dos responsables da súa xestión. Tamén houbo unha presentación de novidades, espazo para o debate, aclaración de dúbidas e propostas en común.

O Milladoiro foi o escenario escollido para organizar a quinta edición do Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña. O acto comezou coa apertura institucional por parte do alcalde de Ames, Blas García, que destacou “o forte compromiso que ten o Concello de Ames coa formación e coa inserción laboral, tal e como demostra cos numerosos programas de formación que leva a cabo en solitario e en colaboración con distintas administracións e na elevada taxa de inserción laboral. Agradecemos á Deputación da Coruña a á deputada a súa presenza aquí na Proa, un espazo que pretende consolidarse como unha referencia na aceleración de proxectos audiovisuais, un potente sector en Galicia no que Ames ten moito que dicir”.

A continuación a deputada Emprego, Rosa Ana García López, destacou “o gran número de proxectos existentes, cos que na Deputación da Coruña estamos plenamente implicados, pois levamos traballando moitos anos neste sentido”. García López explicou que con estes centros de traballo, “a Deputación persegue obxectivos como reter o talento da nosa xente moza e fixar poboación no rural, creando novas oportunidades laborais para elas e eles”.  

Nestes espazos de traballo colaborativo, a xente pode compartir experiencias, xerar sinerxías e axudarse a solucionar problemas. Esta rede leva activa 5 anos e conta con 11 centros, cada un especializado nun sector estratéxico, sendo o audiovisual o caso da Proa.

Presentación sobre o Ames AV LAB
Posteriormente, a técnica municipal de inserción laboral, María Lloves, fixo unha presentación sobre o Ames AV LAB que se está en fase de licitación. O Concello de Ames, co apoio da Deputación da Coruña, está a poñer en marcha o proxecto Ames AV LAB, que se concibe como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que busca impulsar a produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do importante tecido produtivo da provincia.

A deputada, Rosa Ana García, destacou a aposta da Deputación polo sector audiovisual, con proxectos como o maior plató virtual de España que se ubicará na Cidade das TiC da Coruña e interesouse polo Ames AV-LAB, un laboratorio que pretende apuntalar o polo de talento do audiovisual galego, contribuíndo a definir a seguinte xeración de líderes do sector español con vocación internacional e innovadora.

Os destinatarios do proxecto son novas/os creadoras/es do sector audiovisual con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. En Ames AV Lab fomentarase a participación de proxectos que contribúan á incorporación de máis mulleres e persoas mozas á actividade do sector para salvar a fenda de xénero e xeracional. O proxecto busca dar visibildade e posibilidades a unha nova xeración de produtoras e persoas profesionais mozas, que tras un proceso de selección, recibirán un paquete coordinado de medidas. O proxecto xurde coa creación do espazo de traballo colaborativo A PROA, que da cabida a Start-Ups, empresas emerxentes do sector audiovisual e das TIC.

As actividades presenciais realizaranse en distintos espazos e instalacións ubicados no Concello de Ames, tanto de tipo municipal como de empresas do sector. Os proxectos incubados no laboratorio poderán dispoñer das instalacións e servizos do Coworking Municipal A PROA, onde terá a súa sede física Ames AV LAB. O proxecto desenvolverase durante 10 meses, período no que quince proxectos seleccionados participarán na aceleradora audiovisual e nas súas distintas actividades e accións: convocatoria, sementeiro, mentorización, AV School, titorización, bolsas, actividades de networking, Ames AV showcase e comunicación do proxecto.

A convocatoria realizarase no primeiro mes do proxecto, para seleccionar os 15 proxectos que participarán en Ames AV LAB durante un período de 8 meses. Na convocatoria, que será amplamente difundida, priorizaranse criterios como a calidade, diversidade do proxecto e dos equipos que os conforman, enfoques innovadores na narrativa e orixinalidade nos formatos. Os equipos dos proxectos seleccionados poderán dispoñer dun espazo compartido, a modo de incubadora, ubicado no coworking municipal A Proa. Cada proxecto contará cun titor/a de referencia, persoa profesional experta no sector audiovisual, que guiará e acompañará ao proxecto durante a súa participación no Ames AV LAB.

Dos proxectos participantes, seleccionaranse sete, os que poderán recibir unha bolsa de ata 10.000 euros para o desenvolvemento do proxecto unha vez que alcance con éxito o ecuador do programa. Para iso, deberán presentar unha proposta de plan de acción que será negociada co equipo de coordinación do laboratorio. Na fase final do proxecto, realizarase un evento demostrativo dirixido á industria audiovisual (festivais, mercados, fondos de produción, distribuidoras, plataformas…) no que se mostrará o abano de proxectos apoiados por Ames AV LAB.

Visita ao espazo colaborativo A Proa
Por outra banda, realizouse unha visita guiada polo espazo colaborativo A Proa, que conta con 36 postos, dos cales na actualidade hai 18 ocupados con 12 proxectos diferentes sobre marketing dixital, produción audiovisual, educación, arquitectura, economía circular, comercio internacional, medio ambiente, etc. As empresas instaladas na actualidade son 12: Impulsa Dixital, Indígena Films, Palabra Xeneradora, Marxe e Territorios Latentes, Aquelando SL, Angel Marcelino Costa, Hub of English, Serea Film, Temporit, Leiloio Internacional, Eco-Huella, Andrea Ferreti Moncau.

O espazo colaborativo dispón dunha superficie de 400 metros cadrados e con servizo de acceso á Internet, reprografía, e un servizo de mentorización personalizado e asesoramento. Dispón dun espazo común con 36 postos de traballo e tres postos en despachos independentes. Ademais, dispón dunha sala de reunións multimedia para impartir formación; unha zona de recepción; unha zona de espera, taquillas, escritorios para traballo individual e colectivo e unha zona de descanso para lunch ou café.

Novas relaciondas:

Ames Go: "V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo  (coworking)"

El Correo Gallego: "Ames presume de acelerador de proyectos audiovisuales entre once coworkings"

Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña

Multimedia

  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña
  • Ames acolle o V Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña