Pestanas principais

Ames acolle o programa “Vive a Lingua” o 6 de novembro, con dúas actividades lúdicas para rapazada dos 8 aos 17 anos

Martes, 26 de outubro de 2021

O Departamento de Normalización Lingüística e a Concellería de Mocidade de Ames colaboran en “Vive a Lingua”, un programa de xogos teatralizados composto por dúas actividades para o público infantil e xuvenil, que terá lugar este próximo sábado 6 de novembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A primeira proposta é “A casa do Mago”, para rapazada de 8 a 12 anos, das 16:00 a 17:30 horas, mentres que “O misterio das pantasmas”, dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, será das 18:30 ás 20:00 horas. O itinerario, organizado pola Cooperativa Aventeira, conta co financiamento do Fondo Xacobeo 2021, no marco da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. A inscrición xa está aberta para as actividades, gratuítas e limitadas a 40 prazas, cumprimentando este formulario.

“Vive a Lingua” nace co fin de promover o uso do galego entre a infancia e a mocidade, así como de poñer en valor o noso patrimonio cultural. Mediante a teatralización, as monitoras e monitores introducen elementos históricos e culturais nos xogos, de tal maneira que a mocidade asistente obteña coñecementos sobre mitoloxía tradicional, ou mesmo sobre historia da lingua e literatura galega. As propostas están dirixidas a dúas franxas de idade diferentes, para adaptaranse así as necesidades e ao senso de entretemento de nenos, nenas e adolescentes.

O itinerario fai a súa parada en Ames o sábado 6 de novembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, sendo esta unha das cinco datas que ten programadas ao longo da xeografía galega. “Vive a lingua” estará durante o mes de novembro nos concellos de Ferrol, Oleiros e Pereiro de Aguiar, ademais de facer unha parada no Museo do Mar de Vigo.

Ambas as dúas actividades son de balde e contan cun límite de 40 prazas, para as que a inscrición xa está aberta accedendo e cumprimentando este formulario. Durante a actividade, a rapazada estará ao cargo das monitoras e monitores responsables, polo que non cómpre supervisión adulta das súas familias, titores ou acompañantes.

O programa está financiado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, no marco do Fondo Xacobeo 2021. Colaboran os concellos de Ames, Ferrol, Oleiros e Pereiro de Aguiar, ademais do Museo do Mar de Vigo.

A casa do Mago

Dirixida á rapazada de entre 8 e 12 anos, “A casa do Mago” consistirá nun xogo de pistas en grupos, nos que os nenos e nenas terán que axudar ao Mago a arranxar os problemas de meigas, trasnos e outros personaxes mitolóxicos, teatralizados polos monitores e monitoras. O xogo desenvolverase de 16:00 a 17:30 horas.

O misterio das pantasmas

Pensado para o público adolescente de entre 13 e 17 anos, “O misterio das pantasmas” é un xogo de investigación no que a rapazada terá que resolver enigmas, descifrar códigos e interactuar coas pantasmas de varias das figuras máis importantes da historia da lingua e literatura galega, co fin de resolver o misterio que lles impide descansar en paz. A actividade terá lugar das 17:30 ás 19:00 horas.

Ames acolle o programa “Vive a Lingua” o 6 de novembro, con dúas actividades lúdicas para rapazada dos 8 aos 17 anos

Multimedia

  • Ames acolle o programa “Vive a Lingua” o 6 de novembro, con dúas actividades lúdicas para rapazada dos 8 aos 17 anos
  • Ames acolle o programa “Vive a Lingua” o 6 de novembro, con dúas actividades lúdicas para rapazada dos 8 aos 17 anos
  • Ames acolle o programa “Vive a Lingua” o 6 de novembro, con dúas actividades lúdicas para rapazada dos 8 aos 17 anos