O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo, 5 de maio, a segunda proba do Supercross Galego 2019. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 3 de maio ás 24:00 horas. Para inscribirse ou obter máis información da proba hai que entrar en http://motoclubeameixenda.gal/
Un ano máis, e xa van cinco de xeito consecutivo, o circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, volve acoller unha proba de supercross. O Motoclub Ameixenda organiza este domingo, 5 de maio, o Gran premio Concello de Ames. Trátase da segunda proba do Supercross Galego 2019, que conta cun total de 10 probas. O Gran Premio Concello de Ames é un evento deportivo, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012.
Para a organización de dita proba o Motoclub Ameixenda conta coa colaboración do Concello de Ames, a Agrupación de Protección Civil de Ames, a Deputación da Coruña e o Salón de Beleza Paula, situado en Bertamiráns. Os/as participantes, que se inscriban nesta proba de supercross, estarán divididos/as en nove categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, promesas 85cc, alevín 50cc, alevín 65cc, féminas, pitbike e hobby que son os que se inician neste deporte. Ata o de agora hai arredor de 30 pilotos inscritos.
Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
Circuíto SX Alex de Moure
Esta proba desenvolverase no circuíto SX “Alex de Moure”, que dispón dunha pista de 680 metros por 5 de ancho e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
O pasado 18 de abril disputouse o SX Abelleira. Esta fin de semana é o SX Ameixenda. Despois desta proba disputaranse o 9 de xuño o SX Rebordelos; o 22 de xuño o SX A Estrada; o 29 de xuño o SX Gomesende; o 6 de xullo o SX Carral; o 25 de agosto o SX Dodro; o 14 de setembro o SX Alfoz; o 21 de setembro o II SX Abelleira; e o 6 de outubro o III SX Abelleira. A data do SX Gomesende está por determinar. Para obter máis información pódese acceder á páxina web: http://motoclubeameixenda.gal/





