Pestanas principais

Ames acolle o 24 de setembro a quinta proba da Dagan Cup 2017 na que participarán os mellores pilotos de toda Galicia

Martes, 19 de setembro de 2017

[19-09-2017] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan o vindeiro domingo, 24 de setembro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2017”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán os mellores pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da cuarta proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup. A primeira proba tamén se celebrou en Ames no pasado mes de maio. O prazo de inscrición estará aberto ata ás 22:00 horas do venres 22 de setembro.

A Dagan Cup é a única competición de supercross que se organiza en Galicia actualmente. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross.

Este domingo, 24 de setembro, a partir das 16:00 horas, Ames acollerá a cuarta proba da Dagan Cup 2017. Esta proba desenvolverase no circuíto SX “Alex de Moure”, ao cal se lle realizaron unhas pequenas modificacións no trazado respecto á edición anterior. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.

Agárdase unha alta participación nesta proba que pode rondar os 70 participantes, xa que é a penúltima proba deste campionato. A quinta e última proba celebrarase na Coruña. O prazo de inscrición estará aberto ata ás 22:00 horas do venres 22 de setembro. Os participantes, que se inscribiron nesta proba de supercross, estarán divididos en oito categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín de máis de 6 anos, alevín de máis de 8 anos, féminas e hobby que son os que se inician neste deporte.

Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:15 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.