[09-05-2017] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro sábado, 20 de maio, a primeira xornada formativa sobre o trastorno do espectro autista (TEA). Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos, na que se abordarán os recursos para a inclusión socioeducativa das persoas que padecen esta doenza. As inscricións pódense realizar ata o 15 de maio a través da páxina web www.culturizatea.es A finalidade desta xornada é a de promover a sensibilización e formación dos traballadores das institucións culturais para que poidan facilitar a inclusión social das persoas con TEA nas bibliotecas, nos museos, nos centros educativos e na universidade.
Esta primeira xornada de sensibilización e formación en autismo nace co obxectivo de reflexionar sobre o proceso de inclusión socioeducativa das persoas con TEA. Nela darase conta dos resultados da investigación feita por Marcos Pinaque Varela, estudante de doutoramento na USC, sobre este eido. Asemade, realizarase unha achega conceptual ao TEA e analizaranse diversos recursos e estratexias de intervención socioeducativa promovidas en distintas institucións público-culturais da Deputación da Coruña.
Os obxectivos desta xornada son informar sobre o grao de coñecemento que os traballadores das institucións culturais teñen sobre o TEA; promover a sensibilización e formación de ditos traballadores para a inclusión social das persoas con TEA; crear un espazo de intercambio de información sobre boas experiencias e recursos para a inclusión das persoas con TEA nas bibliotecas, os museos, os centros educativos e a universidade entre diferentes profesionais; e favorecer un encontro entre diferentes institucións (bibliotecas, centro educativos, universidades e museos), procurando, en conxunto, formular propostas de inclusión, equidade e igualdade.
Nesta xornada, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, colaboran a Deputación da Coruña, as Universidades de Santiago e A Coruña, O Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia, Nova escola Galega, Autismo Galicia, Grupo de Investigación Stellae, Arcea Adames e a Rede de investigación en educación e formación para a cidadanía e a sociedade do coñecemento. O prazo para inscribirse na xornada, que se desenvolverás o 20 de maio na Casa de Cultura de Bertamiráns, está aberto ata o 15 de maio. A participación é aberta a a todos os públicos e gratuíta.
Programa da xornada
A xornada comezará ás 09:15h coa recepción dos participantes e maila entrega de material. De seguido, ás 09:45h realizarase a inauguración da xornada a cargo de Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputación da Coruña, David Santomil, concelleiro de Educación do Concello de Ames, Marcos Pinaque, investigador predoutoral da USC, Xesús Rodríguez, profesor da USC, e Montse Castro, profesora da UDC. Ás 10:15h Marcos Pinaque Varela impartirá a conferencia inaugural, que se titula Estado da cuestión sobre o TEA nas institucións socioeducativas dos concellos da Deputación da Coruña.
Posteriormente, de 11:15 a 11:45 horas farase unha pausa para tomar un café. De 11:45 a 12:45 horas, Cristina Couto Pena, psicóloga da Federación Autismo Galicia, ofrecerá a charla O Trastorno do Espectro Autista. A queda de mañá rematará coa proxección do documental Paxaros de Algodón, de Xosé Manuel Felpeto e Roberto Rego.
A quenda de tarde comezará ás 16:30h coa Mesa de experiencias e propostas de inclusión socioeducativa, na que participarán Clara Rodríguez, educadora de museos, María Carmen Arceo Tourís, monitora de apoio no CEIP de Barouta, Estefanía Estévez Cacheiro, educadora social e integrante do grupo de traballo “CEESG en Diversidade”. Como moderadora exercerá Mariela Resches, profesora da USC.
Ás 18:00h dará comezo outra Mesa de experiencias e propostas de inclusión socioeducativa, na que participarán Carolina Becerra Cerqueiras, nai de dous mellizos con TEA, Daniel Blanco Carpente, orientador do CEIP de Roxos e Raíña Fabiola, Yesshenia Vilas Merelas, profesora e investigadora da USC e asesora de centros educativos na temática das NEE. A moderadora será Montse Castro, profesora UDC. A xornada pecharase ás 19:15h co acto de clausura.




