Pestanas principais

Ames acolle a estrea nacional da obra de teatro infantil "Un juguete para Margarita", que está inspirada nas Meninas de Velázquez

Mércores, 12 de novembro de 2014

[12-11-2014] O Concello de Ames acollerá este venres na Casa da Cultura de Bertamiráns a estrea nacional en auditorios da obra de teatro infantil "Un Juguete para Margarita", que representará a compañía EscénaTe. Trátase dun espectáculo didáctico infantil, que está avalado polo museo nacional do Prado. Ademais, continúa a programación teatral enmarcada na novena edición da Mostra de Teatro Afeccionado que este venres, ás 21:00 horas, achega á Casa da Cultura do Milladoiro a obra "Os Figurantes" da compañía Aquelando Teatro de Muros.

IX Mostra de Teatro Afeccionado
Por outra parte, este venres, ás 21:00 horas, continúa a programación teatral da IX Mostra de Teatro Afeccionado coa representación na Casa da Cultura do Milladoiro da obra Os Figurantes da compañía Aquelando Teatro de Muros. A entrada para ver esta obra é de balde.

Trátase dunha peza teatral para o público adulto na que un grupo de personaxes dunha traxedia clásica se debaten entre seguir como figuración ou dar un paso máis na súa carreira artística para converterse en actores e actrices profesionais.

Unha decena de intérpretes dirixidos por Lucho Penabade poñerán en escena o eterno dilema de deixar que as cousas sigan coma sempre ou mellorar a situación con empeño e esforzo. Ao longo desta obra os actores intentarán buscar resposta ao seguinte interrogante: “é mellor seguir sendo figuración dos acontecementos dos que outros son protagonistas ou poñemos nós a voz e a enerxía para mudar o mundo?”.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a estrea nacional en auditorios da obra infantil Un juguete para Margarita, de María Fernanda Cosín. Este espectáculo está dirixido por Tito Asorey e Fefa Noia. Trátase dun espectáculo didáctico infantil, que está avalado polo museo nacional do Prado.

Os nenos e nenas de cinco a doce anos gozarán dunha comedia a cargo da compañía EscénaTe. Esta produtora teatral pioneira en España e de extensa traxectoria está especializada en espectáculos á carta, deseñados para espazos non convencionais, así como tamén para teatros. Este espectáculo de 55 minutos de duración, que está protagonizado por Almudena Ramos, Mercedes Lur e Fael García, xira arredor da obra Las Meninas de Velázquez.

Unha nena acompañada pola súa tía inicia unha intensa, emocional e artística viaxe na busca do xoguete que poida alegrar a expresión triste da cara da infanta Margarita. Xunto a un copista do museo realizarán un fermoso percorrido a través dos cadros máis importantes do Museo Nacional do Prado. Haberá unha función escolar, ás 12:30 horas, e outra libre, ás 18:30 horas.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50 por cento así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 14 de novembro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas e as que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 pases por persoa.