[27-03-2012] A compañía Talía Teatro representará a súa última produción “Pequena” o vindeiro sábado 31 de marzo, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Talía Teatro presentará esta obra teatral o venres 30 de marzo en rolda de prensa. Nesta presentación intervirán Alfonso Rey, concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Paula Carballeira, que escribiu e dirixe a obra, Marta Ríos, actriz da obra e Artur Trillo representante da compañía. Trátase dun espectáculo para descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo.
O teatro volve a Ames das mans da compañía Talia Teatro e coa representación da súa última obra Pequena. Trátase dun espectáculo para "pequenos" e "pequenas". Esta obra de teatro infantil está dirixida aos nenos/as de 4 a 10 anos. É un espectáculo para descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres ás 14:00 horas a través do teléfono 981 535 940 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario venderanse a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Segundo manifestan dende a propia compañía o mundo infantil atráelle especialmente o teatro xa que nel pode dar renda solta á súa imaxinación. A través do teatro os nenos e nenas entran en contacto con diferentes artes: literatura, música, danza, interpretación, pintura... polo tanto é unha excelente alternativa de ocio que os axudará a ser máis críticos co mundo que os rodea, ademais de ser unha ferramenta didáctica que axuda a incrementar a concentración e a creatividade.
A través deste espectáculo os nenos/as poden romper cos prexuízos en relación co tamaño ou coas cualidades físicas das persoas; a tolerancia e a comprensión de hábitos e costumes diferentes (directamente relacionados coa variedade e diversidade cultural); a escoita (relacionada coa narración oral e coa música); a atención (relacionada coas escenas de manipulación de obxectos); e o xénero. Case todas as personaxes que aparecen na obra son femininas e teñen papeis protagonistas.
María Catalina Rosario Nadiña Pequena, Macarrona para os seus irmáns, Nadina Pequena para a maior parte da xente, é, coma o seu nome indica, pequena. Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.
A compañía
Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 24 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable. Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.
Actualmente ten en cartel tanto espectáculos dirixidos a público infantil (Pequena e Carta urxente para Máximo Toxo) coma espectáculos para o público xuvenil e adulto (Bicos con lingua, Pelos na lingua e Volpone).




