[19-09-2017] A Deputación da Coruña, en colaboración con Voz Audiovisual, organiza unha serie de charlas-proxección arredor do proceso de elaboración da serie de televisión “El Final del Camino”, que relata a construción da Catedral de Santiago. A primeira destas charlas-proxección será no concello de Ames, este xoves 21 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada será totalmente gratuíta.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, explica que “a Casa da Cultura do Milladoiro acolle este xoves a primeira sesión dun ciclo de 14 charlas-proxeccións. O evento contará con distintos profesionais que participaron na serie, e que serán os encargados de explicar o proceso de creación desta serie que foi integramente rodada en Galicia, recreando tanto a cidade de Santiago de Compostela coma outras urbes españolas e marroquís a través de diferentes escenarios, decorados naturais e efectos visuais. En total, utilizáronse 20 localizacións diferentes, que contribuíron a difundir a riqueza paisaxística galega entre os máis de 1,3 millóns de espectadores cos que contou cada capítulo da serie”.
A través deste ciclo, a Deputación da Coruña pretende achegar un capítulo de gran importancia na historia de Galicia, como foi a construción da Catedral de Santiago, ao tempo que promove o sector audiovisual galego. O evento contará con diferentes profesionais que participaron na serie e que serán os encargados de explicar diferentes aspectos do proceso de creación como os guións, os vestiarios, as técnicas de produción e dirección, a iluminación, a decoración ou a post-produción.
Integramente rodada en Galicia, El Final del Camino recrea a Compostela medieval, así como outras urbes españolas e marroquís da época, a través de diferentes escenarios, decorados naturais e efectos visuais. Na serie aparecen 20 localizacións galegas diferentes, o que contribuíu a difundir a riqueza paisaxística do país entre os máis de 1,3 millóns de espectadores cos que contou cada capítulo da serie.
El final del Camino foi estreada no pasado mes de xaneiro e emitida tanto por Televisión Española (TVE) como pola Televisión de Galicia (TVG). Ambientada na península Ibérica dos séculos XI e XII, relata a construción da Catedral de Santiago a través da historia de tres irmáns afincados na capital galega. Na serie aparecen personaxes históricos como o rei Afonso VI de León, o bispo Diego Xelmírez ou a raíña Urraca de León. Desde o Concello de Ames invítase a toda a veciñanza a asistir a esta charla-proxección, que afondará nun dos episodios máis interesantes da historia galega.
Contido relacionado

Lindeiros: "Charla e proxección sobre El Final del Camino en Ames"




