Pestanas principais

Ames acolle este venres, 14 de setembro, a última actividade do programa “Vive o Camiño” que inclúe un contacontos de Celso Sanmartín e un concerto de M. J. Pérez

Martes, 11 de setembro de 2018

[11-09-2018] O programa de artes escénicas “Vive o Camiño” promovido por Turismo de Galicia chega este venres, 14 de setembro, ao concello de Ames, a porta de entrada do Camiño Portugués a Santiago. A cita será ás 21.00 horas na praza da Capela da Madalena, no Milladoiro, onde está prevista a actuación de Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño”, e de M.J. Pérez. En caso de mal tempo, ditas actividades realizaranse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase da última actividade incluída en dito programa, a través do cal se programaron 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música.


Impulsado por Turismo de Galicia, o programa “Vive o Camiño” está ofrecendo ao longo deste verán máis de 40 actividades nos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. En total programáronse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. Trátase dun programa para a promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos, que está enchendo de música e teatro numerosas rúas e prazas das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os diferentes espectáculos están acompañados dunha exposición informativa, tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, acollerá as últimas actuacións deste programa, este venres, 14 de setembro, ás 21:00 horas, na praza da Capela da Madalena no Milladoiro. Será co contacontos “O Camiño que camiña con nós”, de Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño” e cunha das novas voces do panorama actual da música galega, M.J. Pérez, e o seu traballo “Sigo facendo camiño”, onde fusiona diversos estilos musicais co predominio do pop-rock.

O poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín “Celsiño” presentará, ás 21.00 horas, o espectáculo “O Camiño que camiña con nós”, un espectáculo para todos os públicos no que conta contos, historias e memorias da tradición oral galega e da europea. Colaborador habitual do programa Luar da TVG, Celsiño leva anos escoitando, conversando e recollendo historias por toda Galicia e transmitindo unha parte tan importante do noso patrimonio inmaterial que atesouran as persoas maiores e que el leva ás distintas xeracións.

De seguido, arredor das 21.30 horas, baixo o título “Sigo facendo Camiño”, M.J. Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega, achegará as súas cancións de autor dos seus tres primeiros discos “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, “Guerrilleira” e “Casandra”, nos que mestura diversos estilos musicais co predominio do rock-pop. A súa voz, chea de personalidade ten soa en más dun centenar de concertos por toda Galicia. Foi finalista do “Certame de Canción de Autor en Galego”, participou no Noroeste Pop Rock e acadou o primeiro posto na final do concurso Xuventude Crea 2017.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames acolle este venres a última actividade do programa "Vive o Camiño""