Pestanas principais

Ames acolle este sábado a sexta proba da Dagan Cup 2016 na que participarán máis de 60 pilotos de toda Galicia

Venres, 30 de setembro de 2016

[30-09-2016] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan este sábado, 1 de outubro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán máis de 60 pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da sexta proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup e a segunda que acolle o concello de Ames.

A Dagan Cup é a única competición de supercross que se organiza en Galicia actualmente. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross. A Dagan Cup 2016 está composta de nove probas, das cales dúas desenvólvense en Ames.

Esta é a segunda vez esta temporada que se organiza esta proba no novo circuíto SX “Alex de Moure”. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva. Ademais, este ano como novidade habilitarase un aparcadoiro gratuíto que se atopa a 200 metros do circuíto.

Nesta proba inscribíronse unhas 60 persoas, entre os que se atopan algúns dos mellores pilotos galegos como son Sergio Fernández, Óscar Barciela, Adrián Cruz e José Feijóo, que compiten na categoría elite. Os participantes, que se inscribiron nesta proba de supercross, estarán divididos en oito categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín de máis de 6 anos, alevín de máis de 8 anos, féminas e hobby que son os que se inician neste deporte.

Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:15 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 15:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más de sesenta pilotos se dan cita en Ameixenda"