Pestanas principais

Ames acolle este sábado, 6 de abril, o campionato galego sénior feminino

Xoves, 04 de abril de 2019

Este sábado, 6 de abril, dispútase o campionato galego sénior feminino no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Ás 10.00 horas xogarase a primeira semifinal que enfrontará ao equipo amesán, Vitaldent Santiago C.V. Bruxas contra o Zalaeta da Coruña. A segunda semifinal xogarase ás 12.00 horas entre o Calasancias da Coruña e o Club Korbis Desguaces Manolo de Monforte. Os equipos gañadores disputarán a final ás 19.00 horas, mentres que a final de consolación será ás 17.00 horas. Este campionato está organizado polo Concello de Ames, o Vitaldent Santiago C.V. Bruxas e a Federación Galega de Voleibol.

O equipo de primeira división autonómica feminino do C.V. Bruxas, máxima categoría autonómica, xogou a final a catro do campionato galego nas últimas tres tempadas, competindo cos equipos máis fortes de Galicia. Na tempada pasada 2017/2018 quedaron campioas da liga regular con só un partido perdido e terceiras na final a catro. Na tempada 2016/2017 quedaron segundas na liga regular e tamén terceiras na final a catro. Cómpre destacar a mocidade deste equipo, que a pesar de xogar categoría sénior, as integrantes do equipo do CV Bruxas son maioritariamente de categoría xuvenil.

Na liga regular desta tempada 2018/2019 volveron quedar primeiras con só unha derrota. Deste xeito, despois dunha fase regular impecable, as rapazas do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas xogaranse este sábado, 6 de abril, nesta final a catro o pase ao torneo da fase de ascenso a primeira nacional, o que sería un novo éxito do club amesán. Ademais, cómpre destacar que será a primeira vez que Ames sexa sede deste campionato galego de voleibol sénior feminino. Os dous equipos que se clasifiquen para a final terán o acceso garantido para disputar a fase de ascenso a primeira división feminina que se xogará do 9 ao 12 de maio.

O presidente do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas, Fernando Lizuain, animou a toda a veciñanza de Ames a acudir a animar as rapazas do Bruxas porque “fixeron unha temporada magnífica, quedando primeira na liga regular, e agora pódese culminar co pase a fase de ascenso a primeira nacional. O sábado viviremos unha xornada moi intensa de voleibol no pavillón de Bertamiráns con catro paridos, dous pola mañá e outros dous pola tarde. Con este será o cuarto ano seguido que xogamos este campionato galego sénior feminino e agardamos poder pasar á final. Afrontamos este torneo con moito respecto, pero ao xogar de locais teremos un punto extra de motivación respecto aos equipos rivais. Considero que é un pouco inxusto xogarse toda a temporada neste campionato, pero temos que afrontalo tal e como está establecido”.

Ligazóns

 Ames acolle este sábado, 6 de abril, o campionato galego sénior feminino

Multimedia

  •  Ames acolle este sábado, 6 de abril, o campionato galego sénior feminino