Pestanas principais

Ames acolle este domingo a XV edición da Carreira Ciclista do Pavo

Martes, 13 de decembro de 2022

Bertamiráns acollerá unha nova edición da Carreira Ciclista do Pavo este domingo, 18 de decembro. As actividades darán comezo ás 11:00 horas, cunha xincana para os máis pequenos, mentres que a proba se iniciará ás 12:00 horas. Ao remate da carreira realizaráselle unha homenaxe ao ciclista estradense Álex Marque. As inscricións xa están abertas: os participantes federados deberán anotarse a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, mentres que aqueles que non posúan licenza poden facelo enviando os seus datos ao enderezo electrónico begonaalonso@mundo-r.com.

Este domingo, 18 de decembro, disputarase a décimo quinta edición da Carreira Ciclista do Pavo de Ames. Trátase dun circuíto urbano, ubicado nas inmediacións do paseo fluvial de Bertamiráns. As persoas participantes deberán dar unhas vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. No inicio das voltas 5, 10 e 15, realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir premios de Nadal entre os gañadores/as.

Con motivo da celebración da proba, en horario de 11:45 a 13:00 horas, cortarase o tráfico en Bertamiráns, nun tramo da avenida da Maía (dende a rotonda principal ata a estrada de Lapido), na estrada de Lapido, no camiño Paraxó e na rúa das Pesqueiras. Recoméndase evitar as vías mencionadas, utilizar a AG-56 e desvíos alternativos, así como ter en conta o uso dos garaxes afectados polas vías mencionadas durante ese horario. Premendo nesta ligazón pódese descargar un aviso sobre os cortes de tráfico en Bertamiráns debido á celebración da carreira ciclista do pavo.

As actividades para os cativos e cativas terán lugar antes do arranque da carreira, ás 11:00 horas, cunhas xincanas ciclistas. Os nenos e nenas tamén deberán inscribirse, seguindo os mesmos pasos que as persoas que participen na carreira sen licenza, para contar así con seguro durante a xincana.

Xa é posible anotarse na proba, ata este venres 16, ás 14:00 horas. As persoas que estean federadas deben facelo a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo. Pola súa banda, a rapazada que participe nas xincanas e todos aqueles que non teñan licenza deben inscribirse enviando os seus datos persoais ao enderezo electrónico begonaalonso@mundo-r.com. A recollida de dorsais farase o propio día da carreira, o domingo 18, a partir das 11:00 horas.

Os premios da proba, como vén sendo habitual, serán un pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que se entregarán ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao haber só unha categoría de competición.

Ao remate da carreira celebrarase unha homenaxe ao estradense Álex Marque, que este ano 2022 deixou o ciclismo profesional, retirándose con numerosos triunfos ás súas costas, tales como gañar no 2012 a crono da Volta a Portugal, impoñerse na primeira etapa da Volta a Asturias, gañar a Volta a Portugal 2013 e vencer o Tour de China no 2018.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O vindeiro domingo, día 18, XV edición da Carreira Ciclista do Pavo"

A XV edición da carreira celebrarase este domingo

Multimedia

  • Ames acolle este domingo a XV edición da Carreira Ciclista do Pavo