[23-02-2018] A primeira proba do circuíto de carreiras de montaña 2018 desenvolverase este domingo, 25 de febreiro, no concello de Ames, cun itinerario que irá desde a Ponte Maceira ata as instalacións do Real Aero Club. No total, participarán nesta carreira de montaña 321 persoas, das cales 114 farán o percorrido longo (Trail) e 207 o curto (Minitrail). Organizada polo Concello de Ames, a Federación Galega de Atletismo e Dimenzone, a proba dará inicio ás 10:30 horas. Este ano, alcanzouse o récord de persoas participantes en relación ás anteriores edicións, superando o limiar das 300 inscricións.
A organización Trail Galaica naceu da man dun grupo de persoas estreitamente ligadas ao deporte, que buscaban reivindicar a beleza das paisaxes naturais galegas a través dun deporte cada vez máis practicado: as carreiras de montaña. Baixo o lema “será por monte”, a Trail Galaica volve organizar en Ames, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Atletismo, a primeira das probas do circuíto de carreiras de montaña. Este ano, hai 321 persoas inscritas para a proba que se celebra este domingo, 25 de febreiro: 114 para a Trail (25,26 km) e 207 para o Minitrail (14,46 km).
A actividade contará con servizo de autobuses para transportar ás persoas participantes, a partir das 09:00 horas, desde o Real Aero Club ata a liña de saída na Ponte Maceira. Os dorsais poderanse recoller, o propio día da carreira, a partir das 08:30h no primeiro dos espazos. Na zona de meta, que será no Real Aero Club, haberá asemade vestiarios, duchas e servizo de fisioterapia. A entrega de premios, que se celebrará por volta das 13:30 horas, tamén se realizará neste lugar. Haberá premios para as tres primeiras persoas clasificadas en cada proba (Trail e Minitrail) e premios especiais para os clubs, que se outorgarán tendo en conta a suma dos postos acadados polas cinco primeiras persoas clasificadas de cada equipo. Os premios non poderán ser acumulativos. Ao final da xornada, tamén se celebrará un sorte de agasallos por parte da organización.
O circuíto da proba deste domingo pódese consultar na páxina web da Trail Galaica. Ao longo do percorrido da ruta longa, do Trail, haberá dous puntos de avituallamento máis un terceiro que se situará no punto de meta. No primeiro, que estará situada no quilómetro 8 aproximadamente, ofreceráselle ás persoas participantes auga e froita. No segundo, situado no quilómetro 16, só se entregará auga, mentres que no terceiro farase entrega doutras bebidas e alimentos enerxéticos, como barras de cereais e froitos secos. Con todo, por precaución, cada participante deberá levar o seu propio avituallamento ou mochila de hidratación.
Un circuíto composto de seis probas
O Concello de Ames acolle este domingo, 25 de febreiro, a primeira das probas do circuíto de carreiras que organiza o Trail Galaica anualmente. Alén de Ames, hai outros cinco concellos seleccionados pola organización para completar o circuíto de carreiras de montaña que organizaron para este 2018. Deste xeito, despois de Ames, haberá cinco probas máis nos concellos de Muros, A Pobra do Caramiñal, A Baña, Boborás e Pantón. A última das probas realizarase o 24 de setembro.
Contido relacionado

Lindeiros: "Ames acolle este domingo a primeira proba do Trail Galaica"




