Pestanas principais

Ames acolle este domingo, 30 de novembro, as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia

Sábado, 29 de novembro de 2025

O Concello de Ames acolle este domingo, 30 de novembro, as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia, organizadas pola Federación Alcer Galicia, que engloba todas as asociacións galegas de loita contra as enfermidades de ril. O evento levarase a cabo na Casa da Cultura de Bertamiráns desde as 10.00 horas e reunirá a unha morea de profesionais sanitarios, pacientes e familiares arredor deste tipo de afeccións que xa son unha das principais ameazas de morte en España. 

As xornadas centrarán o seu programa en temas de máxima actualidade e interese para as persoas con enfermidades renais crónicas (ERC), en diálise e transplantadas. Así é que, logo dunha benvida por parte do alcalde de Ames, Blas García; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García;  o director xeral de Familia, Inferencia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre; o presidente da Sociedade Galega de Nefroloxía, Jesús Calviño e o presidente de Alcer Galicia, Rafael González, haberá diversos relatorios durante toda a mañá.

Numerosos relatorios
Ás 10.30 horas dará comezo a temática “A miña decisión, o meu dereito: ética, testamento vital e morte digna”, coa participación da vogal do Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Ourense, María Xosé Vázquez, e a presidenta da Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Isabel Blanco. 

Ás 11.30 horas será a quenda do bloque “Enfermidades renais raras”, coa intervención do xefe de laboratorios NefreoCHUS e NefreoHULA, Miguel A. García. Ás 12.00 horas haberá unha pausa para o café e ás 12.30 arrincará a segunda parte das xornadas coa temática “A futuro”, co relatorio do presidente da Federación Nacional Alcer, Daniel Gallego. 

A partir das 13.00 horas o presidente de Alcer Galicia, Rafael Rodríguez, e o director de procesos de soporte da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Jorge Aboal, intervirán na temática “A implicación na prevención primaria da enfermidade renal”. Para rematar, ás 13.30 horas, a psicóloga de Alcer Galicia, Lorena García, afondará nas “Técnicas de diálise domiciliaria”, acompañada de dúas persoas que empregan esta técnica como son Yolanda Paz e Javier García. 

Para poder participar é necesario inscribirse, xa sexa mediante o correo electrónico da Federación alcergalicia@gmail.com ou ben a través dos números de teléfono 981 298 759 / 619 609 797 / 988 229 615 / 693 714 005. Co fin de fomentar a participación, Alcer achega autobuses gratuítos dende todas as cidades galegas para os e as asistentes. A Federación Alcer Galicia estima en 150 as persoas que asistirán ao evento.

Ames acolle este domingo, 30 de novembro, as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia

Multimedia

  • Ames acolle este domingo, 30 de novembro, as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia