Pestanas principais

Ames acolle esta fin de semana a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024

Martes, 05 de marzo de 2024

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2024. Este domingo, 10 de marzo, será a oitava ocasión na que o concello celebre este evento deportivo, unha das citas máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 6 de marzo, ás 23:59 horas. Ata este momento hai inscritos 206 ciclistas. As inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

Un ano máis, o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa por Ames, na que é xa a oitava cita consecutiva no concello, sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A proba, que se celebrará este domingo 10 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2024. A primeira etapa celebrouse o pasado 25 de febreiro en Cerdedo-Cotobade.

Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Os/as participantes terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64,55 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.501 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 18 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:45 e a segunda sobre as 12:00 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Percorrido
Este ano a primeira volta e a segunda serán similares ás da edición de 2023. Durante a segunda volta, hai que ter en conta que haberá unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha baixada aberta. Desde o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2024 está en wikiloc) e logo o día da proba levar o track completo (volta 1 e 2), aínda que o percorrido estará completamente sinalizado.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o éxito que ten sempre esta proba da Transgalaica organizada no concello de Ames. Sempre soe haber unha gran participación nesta proba. Xa hai máis de 200 persoas inscritas, o que demostra que a proba ten unha gran aceptación e nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico por ser o punto de saída e meta. Por unha banda, desde o sábado 9 ás 23:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na avenida José Luis Azcárraga. Ademais, dita avenida estará pechada ao tráfico ata a aldea de Capeáns o domingo 10 de marzo desde as 7:30 ata as 15.00 horas. Preme nesta ligazón para consultar o aviso informativo.

Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo desde Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada-Bertamiráns), AC-453 (Roxos– Portomouro) e AC-543 (Santiago–Bertamiráns).

Participación e inscricións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2024, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.
As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (Junior federados masculina e femenina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 6, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 18 euros (excepto os federados Junior, que competirán a un coste de 0€), mentres que as non federadas deberan abonar 28 euros (18 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).

Orde de saída e clasificacións
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores, establecerase unha clasificación por categorías para a que puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.

Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina ( S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2024 pódese premer nesta ligazón.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Transgalaica 2024: Domingo, 10 en Bertamiráns"

Ames acolle esta fin de semana a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024

Multimedia

  • Cartaz da Transgalaica 2024